A marca comercial B Travel do grupo turístico Ávoris Corporación Empresarial é unha das 53 empresas turísticas do xeodestino Terras Condado Paradanta que conta con certificado de calidade SICTED.
Presente a nivel nacional, B Travel conta con dúas oficinas de atención ao público na zona, unha en Ponteareas e outra en Vigo, onde máis de dez persoas traballan a diario para ofrecer a mellor oferta turística. O seu xerente, Pedro Alfaro, asegura que a certificación en 2020 supuxo un recoñecemento aos seus esforzos de mellora continúa, ao tempo que require unha constante actualización profesional.
Apoiados polo Grupo de Desenvolemento Rural (GDR Terra e Auga) B Travel apostou pola certificación de calidade SICTED, ¿en que momento o deciden e por que?
-Coñecía outros estándares de calidade pero pareceunos máis interesante acreditar a excelencia do noso servizo a través do GDR Terra e Auga. O SICTED está avalado pola Secretaría de Estado de Turismo e avalía a traxectoria, premia o bo traballo no día a día, a mellora continua, a metodoloxía e o esforzo. Pareceunos que ía máis na liña das nosas intencións.
Que foi o que fixo que lles concederan o certificado?
-Penso que o noso empeño en mellorar, en estar diariamente pendentes de novidades, de novos servizos, de novas necesidades, de innovar… estamos buscando sempre novos atractivos e novas propostas que amplíen a oferta e o xeito de gozar das vacacións.
Pero para iso fai falta investir moito tempo e atención en estudar ben ao cliente, non?
-Si, claro, en escoita permanente. Precisamente un dos motivos polos que obtivemos o certificado SICTED foi pola formación continua, pola mellora nos sistemas de comercialización, pola implantación de avances tecnolóxicos e a remodelación nas nosas instalacións facendo que a experiencia ao cliente sexa mellor. Temos o SICTED desde o ano 2020 e imos conseguindo sempre a renovación.
Ata que punto foi decisivo o apoio do GDR Terra e Auga para apostar pola certificación de calidade?
-Moito, nós sabíamos que queríamos ver algunha certificación ou selo pero o GDR simplificou todo, apoio no trámite, no acompañamento. Na nosa xestión diaria foi fundamental ter a alguén que se encargase de guiarnos e encauzar os trámites para conseguilo.
O SICTED avalía moitos factores, outro deles é xerar empregos.
-Nos xeramos 11 empregos directos nas dúas oficinas, 9 mulleres e dous homes.
O cliente procura prezo ou renuncia ao aforro por ter calidade?
-O cliente quere prezo e calidade, por suposto. Todos queremos iso en calquera servizo ou produto pero o certo é que por prezo sempre podes ter algún engano así que á hora de decidir unha viaxe tranquila e sen riscos de organización non soen ter tanto en conta a diferenza de prezo.
Cando chegan as persoas a súa axencia, pode asesoralas ou xa chegan cun plan e un destino na cabeza?
-As motivacións de viaxe e o destino son definitivos para escoller o tipo de servizo. Cando entra unha ou un cliente que non sabe o destino desde B-Travel procuramos coñecer a motivación e en base a iso propós destinos e plan de viaxe. Sempre hai un motivo ou unha necesidade que cubrir.
As propostas low cost, fixeron dano ao sector?
-Hai que saber diversificar. No caso de B-travel levamos grupos grandes, dende centros escolares ata colectivos. Temos un servizo que funciona moi ben e que cubre unha parte da clientela senior á que non lle acababa de satisfacer as viaxes organizadas pola administración pública para ese tramo de idade. Hai seis anos lanzamos as tres viaxes anuais “Senior Trip” que funcionan moi ben. Este ano viaxaron a Turquía e a Sicilia. Detectamos a necesidade nese sector da poboación, cada vez máis numeroso, e que ningunha proposta cubría as súas expectativas, o “Senior Trip” ten un valor diferencial. Tamén organizamos viaxes de empresas.
Que procura a clientela nunha viaxe?
-A cultura viaxeira cada vez é maior. Procuran coñecer, vivir experiencias, traerse recordos. Viaxamos cada vez máis coa mente aberta.
Como valoran, dende B-Travel a implicación do GDR Terra e Auga na dinamización e desenvolvemento económico do territorio?
-Son fundamentais para unir esforzos, para crear unidade, para que nos decatemos de que o que temos paga a pena, ten valor e pode ser competitivo. O primeiro paso é crear conciencia, formarnos para poder avanzar e niso o GDR sempre está pendente.
Acaba de nacer a primeira asociación de empresas de hostalaría do xeodestino Condado Paradanta, que lle parece?
-Eu mesmo pertenzo a esta asociación, son vocal. Temos a particularidade de que non é unha zona de longa explotación turística e que os negocios de hostalería son de estrutura pequena. A Administración é a encargada de pór a semente, de ofrecer o apoio, pero o desenvolvemento dos proxectos está nas mans das empresas, nas súas ganas. A Administración semente, o sector privado empurra.
Fortalezas do Xeodestino Condado Paradanta. Por que deben coñecernos o viaxeiros?
-Aquel viaxeiro que busque un destino de natureza sorprendente, cunha gastronomía que combine tradición e vangarda, e posibilidade de aloxarse nun establecemento non masificado debe ter o Xeodestino Condado Paradanta anotado como “tarefa pendente urxente”.
Cal é o seu destino favorito?
– O meu destino favorito é sempre o próximo pero si que teño especial curiosidade por Xapón e por Sudáfrica.