Neste momento estás a ver A asociación Cultural Irmáns Barcia promotora da cultura no rural

A asociación Cultural Irmáns Barcia promotora da cultura no rural

A asociación Cultural Irmáns Barcia, entidade socia do GDR Terra e Auga, constituíuse en 2006 para continuar o legado dos irmáns José, Benito e Generoso Barcia Boente, empresarios emigrados a Brasil que, en 1916, doaron unha escola a súa parroquia natal de Padróns (Ponteareas).

A entidade conta con preto de 300 persoas asociadas e organiza actividades lúdicas e didácticas para achegar a formación ao ámbito rural, ao tempo que fomenta a unidade da veciñanza.

Calquera persoa interesada que sexa residente ou teña familiares na parroquia de Padróns pode asociarse e participar nas diferentes iniciativas que se promoven dende a entidade.

Historia dos irmáns Barcia

Os tres irmáns, nados na parroquia de Padróns, emigraron a Manaos, Brasil a mediados do século XIX. Despois de facer fortuna na industria do Caucho en Brasil e Perú en 1916 doaron unha escola á veciñanza, co obxectivo de achegar a cultura a súa aldea.

Así mesmo tamén doaron unha granxa experimental e importaron numerosos libros de Francia para completar a biblioteca do centro.

Asociación Cultural Irmáns Barcia e GDR Terra e Auga

Segundo o presidente da asociación Cultural Irmáns Barcia, Pepe Otero, a súa adhesión ao GDR Terra é auga corresponde a unha visión conxunta do desenvolvemento rural. Ademais asegura que coa colaboración do GDR “é máis doado levar á práctica iniciativas ou proxectos, porque poden guiarnos en cuestións administrativas ou de axudas que descoñecemos. Tamén temos máis acceso ás accións que promoven”.

GDR e asociación, ademais de coincidir no traballo colaborativo tamén traballan por unha mellora de servizos no territorio, “vivir no rural é calidade de vida pero tamén é máis caro que nas cidades, principalmente polo custe de acceder aos servizos e os desprazamentos que isto supón. Por este motivo dende a asociación traballamos para achegarlle á xente do rural, que non pode desprazarse, cultura, actividades e un espazo no que socializar”.

Actividades e infraestruturas

A asociación Cultural Irmáns Barcia, conta cun grupo folclórico de baile e outro de gaitas, organiza o festival folclórico Kevin Lorenzo así como actividades de mantemento físico, viaxes, excursións, festas gastronómicas, xogos tradicionais e o campionato de futbito masculino e feminino por barrios, ademais da  churrascada final.

Grazas á colaboración do Concello de Ponteareas veñen de cambiar o tellado do Centro Cultural Irmáns Barcia, sede da asociación, pero o edificio require outras melloras como o cambio de ventás e portas, ademais de pintura. Entre a directiva e as persoas asociadas realizan o mantemento para que se manteña vivo o espírito daqueles tres irmáns que levaron sempre con eles o nome de Padróns e de Galicia.

Asociarse ao GDR

Dende o GDR Terra e Auga animan a tódolos colectivos sociais, veciñais, culturais ou deportivos a asociarse ao GDR, poden facelo enviando un correo electrónico a gdr@gdrterraeauga.gal amosando o seu interese. Asociarse ao GDR Terra e Auga non ten custo pero si o beneficio de participar en moitas das accións e actividades que realiza a entidade supramunicipal.