A “Asociación 3 de Xullo, todas as persoas somos vítimas”, é socia do GDR Terra e Auga e ofrece o seu apoio ás persoas dos dez concellos do territorio da entidade supramunicipal desde hai cinco anos. Durante este tempo acompañou a numerosas mulleres vítimas de violencia de xénero, un acompañamento silencioso pero efectivo, “un traballo en rede que segue en expansión coa única finalidade de apoiar e axudar”, así o resume Fátima Gil, presidenta do colectivo.
Unha asociación que naceu movida por aquel fatal 3 de xullo de 2015, cando Arbo foi testemuña dun do crime de violencia de xénero que custou a vida a unha moza de Crecente (Vilar), máis a súa parella, un mozo de Arbo, a mans da ex parella dela, quen lles atacou cunha escopeta de caza no interior dun vehículo.
Asociación 3 de Xullo, todas as persoas somos vítimas
Asociada ao GDR Terra e Auga dá servizo aos dez concellos do Condado, Paradanta e Salceda de Caselas. Ao igual que o GDR Terra e Auga, a Asociación 3 de Xullo traballa en rede, conectando vítimas con profesionais e con persoas dispostas a entendelas. En continua expansión, convidan a formar parte desta rede solidaria que mellora a sociedade establecendo límites a actitudes sexistas, e mantén reunións coas administracións e insititucións na procura de melloras, de novos apoios e abertos a novas vías de colaboración.
Presidida por Fátima Gil, os obxectivos da Asociación 3 de Xullo, de ámbito comarcal, son promover e realizar actividades encamiñadas a axudar ás vítimas de agresións sexuais, violencia sexista, ou calquera outra forma de violencia de xénero, así como facilitarlles información. Tamén organizan actividades de sensibilización, concienciación, investigación, estudo e prevención da violencia sexual.
Naceu apoiada por persoas con formación en Dereito, Psicoloxía, Medicina e moitas e moitos veciños que, mailia non posuír unha formación específica, foron conscientes da necesidade de actuar contra a violencia de xénero e plantarlle cara dende o lado máis íntimo das vítimas, porque saben que “ás veces non son quen de denunciar pero si de desafogarse tomando un café, e é aí onde estamos nós, todas as persoas voluntarias dispostas a escoitar e tamén a abrirlles os ollos”.
Nestes anos de traballo as cifras seguen a ser dolorosas e adiantan que hai vítimas de tódalas idades e de todas as condicións socioeconómicas. “É fundamental ofrecerlles ás vítimas asesoramento legal e tamén moral, amosarlles tamén que hai outra vida e outros modos de entender as relacións. Non se pode normalizar a violencia física e psíquica e tampouco se debe ter medo en denunciar ou compartir ese tipo de violencia sutil e silenciosa que pensamos que os demais non poden ver”, apunta a presidenta da entidade.
Fátima Gil, destaca ademáis que a educación é o elemento principal, educar dende os primeiros anos de infancia, educar nas relacións intrapersonais e educar nunha comunicación asertiva . “A vergoña é unha barreira importante pero sempre debemos pensar que o máis importante é a vida, unha vida que liberada desa opresión e medos será moito mellor”.
As persoas voluntarias da Asociación 3 de Xullo saben detectar a maioría dos casos de violencia de xénero cos primeiros síntomas, “os cambios repentinos e bruscos sen explicación nin motivo aparente deben ser seguidos de preto, normalmente as persoas que sofren violencia de xénero ou bullyng ou algún tipo de agresión empezan a mudar de actitude, de xeito de vestir, cambios de humor, cambios no xeito de relacionarse, apártanse… ante calquera síntoma debemos actuar. Un café ou moitos cafés, conversa, silencios e moita escoita son as mellores ferramentas”.
O GDR Terra e Auga contempla nas súas liñas estratéxicas de desenvolvemento o apoio ás mulleres, en concreto, ás mulleres do rural. Visibilizalas, apoialas en formación e contribuír a acadar a igualdade real son algúns dos obxectivos do GDR Terra e Auga, “principios indispensables e que dan apoio ao traballo das asociacións desta comarca porque a suma de todos os pequenos xestos e iniciativas amplifican o noso traballo”.