A Asociación Agraria de Galicia (ASAGA), creada en 2015 por profesionais da agricultura, gandería e do sector forestal ten por obxectivo principal representar, xestionar e defender os intereses do sector agropecuario e as persoas que viven no rural.
Entre as súas liñas de actuación destaca a defensa das explotacións familiares e das empresas agrarias, baixo calquera forma de iniciativa privada. Traballando para acadar o seu desenvolvemento como actividade económica viable e defendendo, tanto a nivel nacional como internacional, a competitividade do sector agropecuario galego.
Como organización de vocación xeral, ASAGA integra tódalas ramas da actividade agraria nas súas modalidades agrícolas, gandeira, de aproveitamento forestal, de xestión ambiental e, incluso, das novas modalidades de actividades complementarias no medio rural, como o agroturismo.
ASAGA e GDR
“Sempre estivo no noso ADN o desenvolvemento rural”, salienta o presidente de ASAGA, Francisco Bello, entidade socia do GDR Terra e Auga e coa que comparte a necesidade de dinamizar o mundo agrario e apoiar aquelas iniciativas que, dende o respecto pola contorna, permitan “vivir no rural e do rural”.
Ao GDR tamén os une a xestión dos fondos LEADER e o asesoramento para que tódalas entidades ou persoas socias poidan desenvolver proxectos co apoio de distintos fondos das políticas agrarias comúns (PAC). “Ter unha entidade que guíe, oriente e que sume esforzos como o GDR é algo básico para un territorio. Xogan un papel relevante na dinamización e son un auténtico motor ao ter a capacidade de identificar e repartir axudas procedentes de diferentes organismos. Sen a existencia dos GDRs, os apoios financeiros non chegarían á veciñanza emprendedora do ámbito rural”.
Sectores con futuro
No territorio do GDR Terra e Auga, ASAGA identifica ao sector vitivinícola como un relevante motor económico. O presidente da entidade destaca que “hai zonas que poden ter potencial que, a través de estudos técnicos, xustifiquen a entrada na DO Rías Baixas, sobre todo as limítrofes ou as de demostrada tradición ou por execución de boas prácticas vitícolas. Pero sempre que estean ben documentadas en estudos rigorosos”.
Así mesmo, ASAGA atopa na zona do Condado Paradanta e Salceda de Caselas un futuro de éxito nas explotacións gandeiras e no ámbito da apicultura, con iniciativas xa iniciadas en Covelo e A Cañiza. “O territorio pode aspirar a ter produtos de calidade avalados por certificacións como Tenreira de Galicia, a de Castaña Galega ou agricultura ecolóxica a través do CRAEGA. Son IXPs e consellos reguladores que abranguen maior extensión e que deben estar no horizonte do sector produtivo do territorio do GDR Terra e Auga”, subliña Bello.
Asesoramento de ASAGA
O representante da Asociación Agraria de Galicia asegura que investir no rural contempla certas dificultades, debido ao alto investimento que supón, na maioría dos casos. Por este motivo, o representante de entidade aconsella que antes de investir, as persoas emprendedoras realicen un plan empresarial, co obxectivo de analizar a viabilidade do proxecto e evitar riscos.
Neste senso, dende ASAGA brindan a oportunidade de coñecer casos de éxito en toda Europa e de recibir asesoramento de especialistas na xestión de proxectos no ámbito rural. “Formamos parte de ASAJA a nivel España e isto permítenos estar en foros europeos, que nos brindan a capacidade de ofrecer asesoramento técnico específico en tódolos ámbitos, pero especialmente na área fiscal e laboral, xa que a maioría das asesorías non están especializadas no rural e existen certas especificidades que se deben ter en conta”.
Ao igual que o GDR Terra e Auga , ASAGA aposta pola formación como ferramenta indispensable para coñecer ben as fortalezas do territorio e tamén as eivas. “A formación é fundamental, por este motivo, sempre apostamos por ela, e facémolo desde o coñecemento de que esta debe ser pensada e planificada en contidos e metodoloxía segundo as características das persoas á que vai dirixida. Ten que ser totalmente adaptada ás e aos destinatarios, que posibilite coñecer exemplos, pois isto é importante para que poidan comparar e ter a experiencia en primeira persoa”, conclúe.
A asociación conta cunha rede de nove oficinas colaboradoras situadas nas catro provincias galegas, dende as que atende a tódolos seus socios e aos profesionais do sector agropecuario.