A Cañiza, 08 de febreiro de 2023. O Grupo de Desenvolvemento Local (GDR) Condado Paradanta vén de tramitar as solicitudes das axudas da convocatoria LEADER 2023-2024 por un investimento acumulado dos seus promotores de 5.647.668,9 de euros, dos cales o 86% corresponden a proxectos produtivos.
A convocatoria, que está cofinanciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia, fondos Feader e a Administración xeral do Estado, recolle que “serán subvencionables os proxectos que teñan encadramento na estratexia de desenvolvemento local de cada GDR, de forma que respondan ás prioridades e aos obxectivos especificamente recollidos na mesma, sempre e cando cumpran as condicións de subvencionabilidade” que se especifican nas bases reguladoras.
De este xeito, o GDR do Condado Paradanta tramitou ata un total de 25 solicitudes, das cales 13 (52%) corresponden a proxectos produtivos, e 12 (48%) a iniciativas non produtivas. As primeiras corresponden a actuacións de ámbito empresarial destinados á producir bens e/ou servizos, e as segundas teñen relación con proxectos que non poden ser destinados á venda, entre os que se inclúe a formación.
Investimento local
Do investimento acumulado presentando polos promotores, 4.853.217,70€ corresponden a proxectos produtivos, 706.255,81€ a proxectos non produtivos privados, e 88.195,40€ a proxectos produtivos públicos.
O presidente do GDR Condado Paradanta, Juan Pablo Castillo destaca que o territorio contará cun investimento total para as axudas LEADER no territorio de ata 558.027,40€, dos cales o 70% destinarase aos proxectos produtivos, o 27,5% a non produtivos e o 2,5% á formación promovida polo GDR.
A seguinte etapa do procedemento é de natureza administrativa, na que se comprobará a documentación facilitada polos solicitantes e, en caso necesario, procederase a requerir a que falte. Posteriormente, as solicitudes enviaranse a Agader que será quen finalmente resolva a concesión das subvencións.
Metodoloxía LEADER
O feito de que as axudas LEADER deben estar aliñadas coa Estratexia de Desenvolvemento Local de cada GDR obedece ao enfoque metodolóxico que se segue para deseñala. Castillo explica que a metodoloxía é ascendente (de abaixo cara arriba) “procúrase a participación cidadá do propio territorio, integrando tódolos recursos económicos e humanos que conflúan no ámbito de actuación.”
O anterior supón que a Estratexia de Desenvolvemento Rural Participativa está fixada tendo en conta a opinión, criterio, experiencia e necesidades da comunidade local, “o que garante unha maior aprobación e probabilidade de éxito das liñas estratéxicas sobre as que incidir” sinala o presidente do GDR.