Neste momento estás a ver Arabo, Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea

Arabo, Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea

Unha fotografía dun nutrido grupo de emigrantes galegos recibe ao visitante cando entra en Arabo, Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea. Son aquelas e aqueles que coñeceron a emigración e aos que os quilómetros de distancia non restaron nin un chisco de amor pola súa terra.

Relata o alcalde, Horacio Gil, que foi a fortuna destes emigrantes a que fixo posible a construción da antiga escola de Arbo que hoxe acolle  Arabo. Neste lugar achegarémonos ao vínculo histórico que manteñen os habitantes de Arbo co cultivo de videiras e coa pesca da lamprea e descubriremos a afouteza da súa veciñanza capaz de enfrontarse a Napoleón.

Pero ademais de dar a coñecer a súa historia a través de paneis, vídeos, fotografías e arquivos sonoros o Concello de Arbo quixo espertar os sentidos das e dos visitantes e ofrecerlles unha experiencia na que degustar e coñecer os viños das adegas locais que evidencian a riqueza do seu agro recollida hoxe na primeira planta e na vinoteca do andar baixo.

Do 26 ao 28 de abril milleiros de persoas achegaranse a Arbo para participar na LXIV Festa da Lamprea, declarada Festa de Interese Turístico Internacional dende o ano 2023, e o ARABO será a carta de presentación que nos abrirá as portas ao mundo de riqueza e tesouros gastronómicos e patrimoniais. Para estas datas Arabo ofrece a oportunidade de participar nas visitas guiadas que se celebran hoxe venres 26 de abril, ás 12:00, 14:00, 16:30 e 18:00 horas; o sábado, 27 de abril, ás 12:00, 14:00, 16:30 e 18:00 horas; e o domingo, 28 de abril, ás 12:00 e 14:00 horas. Cada itinerario ten unha duración aproximada de 45 minutos. Para poder participar ou obter máis información debemos contactar no número de teléfono 986 66 57 78 ou no correo arabomuseo@gmail.com.

Arabo, visita interactiva

Conscientes da importancia deste Centro de Interpretación e da necesidade de actualizarse para ofrecer ás e aos visitantes novos formatos máis atractivos e innovadores no ano 2018 o Concello emprende unha renovación. Acompañados polo GDR Terra e Auga na tramitación o Concello de Arbo recibe unha subvención de 59.518,27 €. do programa LEADER de Galicia cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de Galicia 2014-2020 para o deseño, promoción e execución da actualización  e mellora da exposición permanente do Centro de Interpretación da Lamprea e do Viño do Condado Arabo.

Co apoio do programa LEADER incorporáronse sistemas multimedia para o visionario de contidos de vídeo e interactivo: pantallas táctiles, monitores de vídeo, proxectores. Tamén se realizou un traballo de elaboración de contidos: redacción de textos, traducións galego/castelá, fotografía, grafismos, vídeo e contidos interactivos. Tamén se actualizou a exposición con novos paneis e vitirnas expositoras e se creou un espazo para albergar unha exposición permanente sobre a Festa da Lamprea, entre outras accións.

Breve paseo pola historia de Arbo

Así tamén se pode ler nas instalacións do centro que ofrece unha viaxe polo mundo destas dúas riquezas. As ricas terras de cultivo e as augas do Pai Miño son dúas das señas de identidade desta vila . Percorrendo os tres andares deste centro poderemos coñecer a orixe agochada no xacemento de O Cabrón que revela que o primeiro home que viviu nas terras de Arbo foi o Homo Neandhertal Arcaico, achegarémonos as mámoas de Chan do Rei en Cabeiras ou a de San Martiño de Sela e coñeceremos os petróglifos de San Xoán de Mourentán ou o do Cándido. Ao longo da exposición tamén aprenderemos que os romanos estiveron en Arbo aló polo ano 137 a.C e atoparon ouro, ademais de lamprea.

No século XII o rei Alfonso VII concede ás terras de Arbo o mosteiro de Melón, nesta documentación aprezamos xa a orixe do nome de Arbo, “Sanctus Petrus de Aravo”. Napoleón tamén coñeceu Arbo e na ponte románica de Mourentán tivo lugar a batalla máis cruenta das terras de Arbo. Napoléon e a súa Guerra da Independencia (1808-1814) chega a Arbo esperando saír vitorioso pero os arbenses liderados polo Abade do Couto fanlle fronte e gañan a batalla.O museo permite, ademais, facer un percorrido pola historia da Festa da Lamprea, carteis das últimas vinte edicións, os pregoeiros e instantáneas que amosan a relevancia desta festa.

Arabo
O alcalde de Arabo, Oracio Gil durante unha visita ao Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea
Arabo
Interior de Arabo