Graduada en Belas Artes e doutoranda de Arte Contemporáneo, Alba Casas González volve ao rural para redefinilo e facer xustiza. Busca desenvolver a súa práctica artística e cultural, así como apoiar o activistismo de xénero e sexual. Xestora e programadora cultural de Xandoneto, nas Neves, e membro de Les Canes do Pozo, traballa para crear na súa vila natal un estudo de xestión e produción artística de referencia para creadores.
Quen é Alba Casas?
Alba Casas: Alba Casas é unha investigadora, creadora, xestora cultural que na actualidade está realizando o doutorado.
Quédalle algo no tinteiro?
Alba Casas: Si, son unha optimista da vida. E por iso penso que o activismo é importante. Son membro de asociacións locais como As Marondas e As Neves Urban Fest. Tamén formo parte da Rede Galega de Estudos Queer e seguramente acabe caendo en algún que outro proxecto colaborativo máis.
Do bacharalato nas Neves marchou a Madrid estudar Belas Artes, e de aí a Berlín, e volta a Madrid para acabar apostando polas Neves, por que?
Alba Casas: Decateime de que o lugar onde quería desenvolver o meu traballo e construír un futuro era no rural. As cidades sinto que teñen unha data de caducidade e sinto que é moi individualista. No rural hai maior rede de apoios, é máis cooperativo.
Defínese como optimista e activista
Alba Casas: Si, principalmente, teño dúas motivacións na miña traxectoria que se producen dende diferentes aproximacións, pero que teñen en común o noso rural e a nosa cultura. Estas motivacións lévanme a mesturar todo o meu traballo e coñecemento como investigadora, artista e activista.
De onde lle ven isto?
Alba Casas: A primeira delas nace por loitar contra as tendencias metro-normativas da cultura LGTB, hexemónicas que sitúan as grandes cidades como únicos espazos de progreso. Aínda que é certo que o noso rural estivo marcado polo silencio e a ausencia de visibilidade, na actualidade, dende a periferia, podemos observar como Galicia é un exemplo dende o cal imaxinar novas políticas culturais LGTB, máis integradoras e comunitarias. Creo no noso futuro no rural, e quero sumar e contribuír a seguir elaborando proxectos artísticos e culturais.
E a segunda?
Alba Casas: A miña segunda motivación nace por descentralizar a arte das grandes cidades do Estado, democratizar a cultura nunha democracia cultural real. Realizar proxectos híbridos para todas as persoas utilizando a cultura e a arte como ferramentas de cambio e dinamización social. Tento poñer así, a disposición, as habilidades que vou adquirindo co estudo, co traballo e coa vida cotiá buscando diferentes metodoloxías para seguir mellorando a nosa contorna. Quero sumarme a reconstruír o rural nun proceso que fagamos, necesariamente, todas xuntas recuperando os baleiros do despoboamento e revitalizando o noso territorio.
Apunta a moitas disciplinas!
Alba Casas: Si, pero porque considero que debemos facer as cousas dun xeito máis transversal. Traballei na realización de videoclips para artistas da contorna como Flow do Toxo, Filebo, ST, ou Temibleolivina como directora, guionista e editora ou con artistas como Adrian González, Juan Luis Lage, Antia Verea, Carla Celia, Alba Pino… destas colaboracións nacen encontros fermosos que nos fan crecer xuntos. Tamén estou detrás das actividades culturais e artísticas do Xandoneto como xestora cultural, así como da administración de redes, imaxe e difusión cultural. Víctor e Fani déronme a oportunidade de participar nun proxecto tan bonito como Xandoneto e ofrecer un espazo diferente na contorna.
Pero aínda hai máis.
Alba Casas: O último no que estou é Les Canes do Pozo con Adrián Riveiro, músico do Concello de Crecente, un colectivo que formamos en Abril de 2024 co obxectivo de experimentar co audivosiual e o son dende a arte contemporánea. Como ves, non me gusta traballar soa e creo que traballando con outras persoas poden saír cousas diferentes e sorprendes incluso para nós mesmos.
Como coñece ao GDR Terra e Auga?
Alba Casas: No outono de 2022 o Concello das Neves convidoume ao encontro Arte e Territorio eaí os coñecín. Grazas a esa capacidade que ten o GDR de unir e de pór en marcha iniciativas que nos conecten, non só os coñecín a eles, se non tamén a outras persoas con inquedanzas similares. Apostar pola arte no rural é apostar pola igualdade no acceso aos recursos e servizos. Temos moitos referenes que nos deixaron un legado cultural, musical e artístico importante. No caso das Neves temos o compromiso de recuperar a riqueza creativa fotográfica e audiovisual de José Gil e facer pervivir a música que a Banda de Música de Rubiós cultiva dende que somos pequenos.
Que opina da aposta do GDR pola arte como instrumento para valorizar o rural?
Alba Casas: Creo que é unha aposta valente polo futuro. Unha oportunidade para amosar novas formas de dinamizar o espazo rural e construír un referente para outros lugares de Galicia. O GDR ten a posibilidade de unir nun tecido social a diferentes grupos ou sectores que non sempre traballan xuntos. Ofrecer un espazo de colaboración e crecemento conxunto usando a arte como factor diferenciador é unha aposta clara polo futuro.
Durante a realización do máster foi beneficiaria da beca financiada por o IMIO (Subvencións para a Realización de Posgrados e de Estudos Feministas e de Xénero) da Secretaría de Estado de Igualdad y Contra la Violencia de Género do Ministerio de Igualdad. Que vínculo hai entre isto e a súa aposta polo rural?
Alba Casas: No rural hai moitas historias ocultas e o que fago é visibilizar ou construir arquivos de todas aquelas persoas que foron discriminadas pola súa condición sexual porque parece que o movemento LGTBI é so cousa das cidades. como investigadora académica participo recurrentemente en congresos de diversidade sexual de estudos iberoamericanos, imparto seminarios en diferentes universidades e teño varios artigos publicados en revistas académicas que poñen o foco nesta cuestión.
Seguro que algo terá xa na cabeza con vistas ao futuro
Alba Casas: Pois agora mesmo estou buscando crear nas Neves un estudo de xestión e produción artística e que pouco a pouco máis creadores atopen nas Neves un lugar no que crear en liberdade. As miñas amizades de infancia e mocidade foron persoas con inquedanzas culturais e artísticas que tiveron que marchar fóra a estudar, e moitos deles queren volver pero sinten que no rural non terán oportunidades.Quero demostrarlles que si, e xerar un espazo para que poidan voltar e construír algo novo aquí todos xuntos. A miña traxectoria pon ao rural, as persoas disidentes e o local no centro, combinando lóxicas culturais máis globais coas nosas propias, dende o respecto e o coidado. É así como busco producir un impacto social e cultural, non destruíndo, senón re-construíndo, dende o diálogo, a escoita e a convivencia.
Como e onde a podemos atopar?
Alba Casas: No meu instagram, a través do meu correo electrónico albacasas.art@gmail.com ou do meu telefono de empresa, 678824199. Aínda que dentro de pouco poderán atoparme tamén na miña páxina web.