Neste momento estás a ver Isabel Trico, A Baiuca “Apostei por gañar calidade de vida e da man do GDR ofrecer un servizo hostaleiro de calidade”

Isabel Trico, A Baiuca “Apostei por gañar calidade de vida e da man do GDR ofrecer un servizo hostaleiro de calidade”

Da man do GDR Condado Paradanta (Grupo de Desenvolvemento Rural) decidíronse a certificarse como empresa SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos), selo promovido pola Secretaría de Estado de Turismo (SETUR) e que conta co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). O restaurante A Baiuca fai 2 anos o vindeiro mes de abril e acaba de recibir o certificado SICTED facendo da calidade o seu obxectivo non só empresarial, tamén de vida.

Isabel Trigo: Pois si, os tres tiñamos claro que queríamos facer vida en Mondariz. Decatámonos que os días pasaban e non tiñamos tempo para relacionarnos coa veciñanza. Vivíamos alleos ao que nos rodeaba. Un ritmo de vida que nos alonxaba das nosas orixes e que tampouco pagaba a pena.

E que gañaron?

Isabel Trigo: Calidade de vida, calidade de tempo, unha mellora na conciliación, cadrar máis cos nosos seres queridos, familia e veciñanza…

O 13 de abril de 2022 emprenden un novo rumbo, deixan atrás os traballos de repartidora, repoñedor e camareira para lanzarse ao mundo empresarial… conseguiron esa mellora desexada?

Isabel Trigo: O balance é positivo, estamos organizados para ter un pouco de tempo libre, apostamos polo que nos gusta, temos o reto de mellorar día a día e tamén moitas responsabilidade porque xestionamos a nosa empresa. Ás veces os cartos non o son todo na vida e menos pode ser moito máis.

Mellorar día a dia ten moito que ver con ese distintivo SICTED que acaban de obter

Isabel Trigo: Certo, da man do GDR comezamos a formarnos e a coñecer esta opción que descoñecíamos e que ten que ver moito coa nosa filosofía de ofrecer o mellor que poidamos dar e vai na liña tamén do obxectivo do negocio de hostalaría que temos, unha taberna galega. O bar restaurante está na propia praza de abastos. O noso almacén son os postos de produtos frescos do mercado. De aí á cociña e ao prato. A nosa nevera son os postos da praza de abastos.

Prato km cero e produto de proximidade?

Isabel Trigo: (risas) É así. Os ingredientes dos pratos que servimos están a escasos metros da mesa na que o cliente xanta. A calidade do produto fresco está en cada receita.

Por que era importante ter esta certificación?

Isabel Trigo: Mellorar sempre é importante, distinguirse, acreditar que ofreces algo bo e que sigues traballando para superarte é indispensable sobre todo cando traballas nun servizo de cara ao público. Dende que comezamos procuramos formarnos. Queremos seguir mellorando para que a experiencia resulte satisfactoria.

E como se mide iso?

Isabel Trigo: Pois xustamente coa satisfacción da clientela, cos seus bos comentarios, coa repetición…

Falando de repetición, a clientela é de ideas fixas?

Isabel Trigo: Si, a verdade é que si e ás veces o máis sinxelo é o que máis atrae. Na Baiuca temos clientela que repite e ven a tomar os calamares. Algo tan sinxelo como uns calamares frescos recén comprados na praza e feitos na nosa cociña ou o secreto ibérico ou hamburguesas vexetais feitas por nós co produto dos e das nosas praceiras ou as ensaladas.

 

“A praza de abastos é a nosa despensa, dos postos á nosa cociña e directamente á mesa”

Que ten a praza e o pequeno comercio?

Isabel Trigo: A praza ten a frescura e a proximidade do produto e do trato. A confianza… o comercio local xera ambiente, fai sociedade, é fundamental para a vida nas vilas. Nós temos unha taberna galega, que pasaba nas tabernas galegas? Que había conversa e comida da casa, que coñecías ao que estaba ao teu carón e ao que estaba no mostrador.

E hai ambiente nas vilas?

Isabel Trigo: Iso é algo que me sorprendeu. Cando pasas por Mondariz non percibes que haia moita xente pero en cambio non é así. Sempre temos xente, incluso ás veces nos preguntan por que pechamos o domingo pola tarde.

A Baiuca está na praza de abastos, imaxinábase así?

Isabel Trigo: Non, eu e a miña parella vimos doutros sectores. Eu era repartidora dunha empresa grande e el repoñedor. Tiñamos ritmos e horarios diferentes con apenas tempo para cadrar xuntos e decidimos deixar os nosos traballos, solicitar o pago único da prestación e investilo en emprender. O lentitude do cobro fixo que se retrasase a apertura do local pero aínda así seguimos adiante.

E que tal se levan cos novos compañeiros de traballo?

Isabel Trigo: Estupendamente, eles e elas son parte do noso proxecto, creo no traballo en equipo. Uns atraen a outros. É bo traballar en rede. Todo o que se faga na vila e na comarca beneficia aos negocios que traballamos neste territorio. Por iso nos gusta asistir ás actividades e propostas do GDR porque sempre é moito máis construtivo coñecer outras experiencias e deseñar proxectos en común que dinamicen os concellos da nosa comarca. Ata A Baiuca chega xente de todos os concellos da área metropolitana que queren escapar da cidade.

Que foi o que máis lle custou dende que comezaron?

Isabel Trigo: Os pasos previos, a tramitación, as moitas xestións e toda a burocracia. Logo unha vez en marcha fomos deseñando a organización do persoal porque ademais de nos os tres temos dúas persoas contratadas. Tentamos descansar os domingos pola tarde e os luns e cada día abrimos de mañá e tarde pechando un intre despois do xantar. Preferimos ter tempo e estar ao 100 cando estamos de cara ao público.

Seguirán implantando melloras?

Isabel Trigo: Seguiremos, temos limitacións de espazo porque a cociña é pequena pero atendemos a moitas mesas no interior e, sempre que o tempo o permite, colocamos unha boa terraza exterior. Procuramos atender ben e ter un espazo e un trato agradable.

O cliente sempre ten a razón?

Isabel Trigo: O cliente sempre ten o dereito de desfrutar dun tempo de calidade e dende que abrimos ata que pechamos traballamos para llelo ofrecer.