Neste momento estás a ver A exposición fotográfica “Visións do territorio” chega a Ponteareas

A exposición fotográfica “Visións do territorio” chega a Ponteareas

O concello de Ponteareas acollerá durante o mes de setembro a exposición fotográfica itinerante “Visións do territorio”, que está promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta e financiada con fondos LEADER da Xunta de Galicia.

A mostra, que ten por  obxectivo por en valor o patrimonio territorial a través de formatos culturais e artísticos como o é a imaxe, consta dun total de 90 instantáneas da zona. Estas forman parte dun catálogo máis amplo de obras presentadas nos tres certames de fotografía, tamén organizados pola entidade supramunicipal ao longo dos últimos anos.

A veciñanza e visitantes que se acheguen á praza de Bugallal de Ponteareas, poderán gozar dunha exposición deseñada con estruturas con forma de cubos, que proxectan o xeodestino “Terras do Condado Paradanta”, a  través de mapas onde se xeolocaliza cada fotografía da mostra. De este xeito o público poderá coñecer os puntos exactos desde os cales se captaron as imaxes.

Itinerante

Antes de chegar a Ponteareas, a iniciativa xa se presentou en diversos concellos como As Neves, Mondariz Balneario, Mondariz e Covelo, e despois de Ponteareas, prevese que percorra os municipios de Salceda de Caselas,  Salvaterra,  Arbo, Crecente e Cañiza.