Os petróglifos A Coutada, situados na parroquia de Taboexa, nas Neves, convertéronse unha parada obrigada para quen visita o xeodestino Terras do Condado Paradanta, despois da súa recuperación e posta en valor en 2019, co apoio de fondos LEADER, que promoven a dinamización social, económica e cultural nos territorios rurais.
Conscientes do alto valor deste espazo, o Concello das Neves, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Taboexa e o GDR Terra e Auga traballaron de xeito coordinado para facer posible a recuperación deste espazo da arte rupestre situado no Coto de Morgallón, e que supón un dos descubrimentos arqueolóxicos máis importantes das últimas décadas.
Considerado un dos conxuntos de petróglifos máis interesantes do sur de Galicia, na Coutada pódense atopar pequenas covas, figuras abstractas, varios antropomorfos sexuados e representacións zoomórficas que, segundo os expertos poderían tratarse de équidos e cánidos.
Musealización de A Coutada
Despois de rematar os primeiros traballos de escavación, realizados co apoio da Consellería de Cultura e dirixidos por un dos expertos máis recoñecidos na materia, o arqueólogo Eduardo Méndez Quintas, en 2019, o proxecto de recuperación da Coutada recibiu unha achega de 77.658,85€ procedente de fondos LEADER, xestionados polo GDR Terra e Auga.
Nesta fase procedeuse a retirar os aportes sedimentarios para facer un rexistro gráfico dos motivos dos diferentes grupos, mediante a técnica de calco sobre plástico transparente e fotografía con condicións de luz controlada para a elaboración de calcos dixitais.
Con estes datos e rexistros redactouse a memoria técnica dos traballos para posteriormente proceder á musealización dos petróglifos A Coutada. Un paso imprescindible para a posta en valor do que o Instituto de Estudos Miñoráns considera “un novo paradigma da arte rupestre galego-portuguesa”.
O proceso de musealización levou ligados traballos de mellora da contorna inmediata para crear condicións paisaxísticas axeitadas para as visitas. Así mesmo, tamén se creou un itinerario para unha experiencia máis cómoda e instalouse unha pasarela para facilitar o acceso a tódalas persoas.
Ademais, o proxecto completouse con paneis informativos e contidos adaptados para un sitio web asociado á páxina do Concello de As Neves.
A Coutada e o seu valor artísico
Os especialistas salientan que A Coutada trátase dun conxunto de boa factura, conservación, grande tamaño e diversidade técnica, dado o emprego de alomenos tres técnicas diferentes (baleirado, dobre trazo e trazo simple) nos gravados das rochas.
No conxunto dos petróglifos obsérvanse singulares escenas de caza de máis de 4.000 anos de antigüidade. Nun afloramento granítico situado a carón do panel principal, pódese atopar tres cuadrúpedes, un deles podería ser a silueta dun cabalo de gran tamaño (1 metro de lonxitude) e de carácter esquemático, sendo o maior dos atopados en Galicia e posiblemente un dos máis grandes de toda a península.
Dende o GDR Terra e Auga, animan a veciñanza e visitantes a coñecer este enclave histórico, xa que A Coutada, ademais de achegar valo patrimonial ao territorio supón un dos principais reclamos turístico para a zona.