Neste momento estás a ver Mª Carmen Gil, Presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Chan dos Casteliños. “A muller do rural ten moitas inquedanzas, ganas de facer e de aprender. Todas elas mulleres con iniciativa, emprendedoras e con ilusión”

Mª Carmen Gil, Presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Chan dos Casteliños. “A muller do rural ten moitas inquedanzas, ganas de facer e de aprender. Todas elas mulleres con iniciativa, emprendedoras e con ilusión”

María del Carmen Gil é a Presidenta da Asociación de Mulleres Rurais ‘Chan dos Casteliños’, entidade socia do GDR Terra e Auga. Mari Carmen é unha muller polifacética e ao longo da súa vida sempre estivo vinculada directa ou indirectamente ao desenvolvemento rural. Dentro do organigrama do GDR é tamén vogal da Xunta Directiva, neste caso como presidenta da EFA A Cancela.

Con motivo do Día da Muller neste 8M quixemos coñecer máis sobre ela e a asociación de mulleres rurais que preside.

Cando e por que se creou a asociación?

A Asociación de Mulleres Rurais ‘Chan dos Casteliños’ foi fundada no Concello das Neves alá polo 1994, sendo unha das asociacións de mulleres en activo das máis antigas de Galicia.

A asociación foi promovida dende o Concello das Neves con Oswaldo González como Alcalde, e por unha profesora do centro escolar das Neves os cales observaron a necesidade de contar con unha agrupación deste tipo dentro do termo municipal das Neves.

Cal é o seu obxectivo?

Os obxectivos da asociación son a potenciación, formación e socialización das mulleres das parroquias de As Neves, ofertar para eles diferentes actividades, formación e información a demanda tanto dende o punto de vista persoal como profesional.

Outro dos obxectivos é o de prestar axuda de xeito directo ou indirecto ás mulleres e as súas familias.

Todos estes obxectivos, actividades e información tratámolos nas reunións mensuais da nosa xunta directiva para despois facerllos chegar as nosas socias a través das 13 vogais, unha por parroquia, coas que contamos na actualidade.

Cantos socios son na actualidade? Contan na actualidade con tan só con socias ou tamén socios?

Na actualidade somos un total de 237 socias e chegamos a ser máis de 300. A gran maioría son mulleres, algunha incluso doutros concellos limítrofes, pero tamén temos algúns homes como socios colaboradores.

Independentemente diso, facemos actividades abertas ao público en xeral, sexan socias ou non e sexan mulleres ou homes.

Que tipo de actividades organizan? Teñen algunha actividade prevista proximamente?

As nosas actividades están programadas ao longo de todo o ano, algunhas delas puntuais e algunhas que duran todo o ano.

Actualmente temos postos en marcha cursos de pintura, manualidades, trenzado e calceta creativa, pilates, masaxe, memoria activa ou cociña saudable con produtos locais e de tempada. Por outro lado tamén organizamos actividades de carácter profesional como curso de novas tecnoloxías e dixitalización, subvencionado pola Deputación de Pontevedra, curso de primeiros auxilios, agricultura ecolóxica, herbas medicinais e comestibles.

Outra das actividades que ten moi bo resultado son as viaxes de lecer con contidos profesionais a outros territorios con similitudes ao noso como por exemplo á ribeira vitivinícola do Douro ou a Romaría Raigame onde se potencian os oficios tradicionais do rural como os oleiros, cesteiros, zoqueiros…

Como non podía ser doutra forma, tamén participamos en eventos e actividades realizadas no noso propio concello como na Festa do Requeixo e Mel ou na Festa do Tinto Rías Baixas.

Por último comentar outras actividades lúdico festivas como a celebración do entroido, do Día da Socia e a cea ou comida de nadal.

En resumo, un amplo abano de actividades demandadas polas nosas veciñas e socias, moitas delas desdobradas en varios grupos debido ao interese que existe.

Por último, non quero deixar pasar a oportunidade de agradecer o apoio co que contamos tanto da Deputación de Pontevedra como do Concello das Neves que posibilitan e facilitan a organización de moitas destas actividades.

 

Como e por que Mª Carmen Gil chega a converterse na Presidente desta asociación?

No ano 2000 incorpórome á asociación como secretaria e dende o 2020 son a presidenta, un cambio que se produciu tras unha renovación da Xunta Directiva e a non continuidade da Presidenta anterior por motivos persoais.

Na actualidade estamos tamén nun proceso de renovación deste órgano onde aspiramos á incorporación de mulleres novas e poder chegar tamén a un público de menor idade. Por outro lado, como fito para este ano tamén nos marcamos a recuperación do grupo de teatro ‘Chan dos Casteliños’, unha actividade con forte impacto social e cultural onde, no seu día, persoas que non sabían ler chegaban a interpretar papeis teatrais enriba dos escenarios.

Para o voso colectivo, que implica ser muller rural? En materia de igualdade, téñense acadado importantes avances nas últimas décadas, baixo o seu punto de vista, que retos son os máis urxentes de abordar no rural respecto da figura da muller?

A sociedade cambiou moito respecto fai anos e no rural tamén. Hoxe en día calquera muller do rural conduce e ten un automóbil o que a dota de autonomía e independencia para superar ese illamento ao que estamos sometidas moitas veces neste entorno.

A muller do rural ten moitas inquedanzas, ganas de facer e de aprender, non só as nativas se non tamén moitas outras que retornan ou que simplemente chegan, incluso doutros países, buscando un cambio de vida. Todas elas mulleres con iniciativa, emprendedoras e con ilusión.

Facilitar a conciliación sociolaboral e familiar é un dos retos nos que como asociación demandamos para favorecer a incorporación da muller ao mercado laboral ou tamén dende un punto de vista social como poder acudir a algún dos nosos cursos.

Na Estratexia de Desenvolvemento Local do GDR Terra e Auga, en cuxa elaboración a súa asociación participou de xeito activo, a muller ten un importante papel nas súas liñas estratéxicas ou nos criterios de baremación e selección de proxectos a subvencionar. Como entidade socia, que pode facer o GDR pola muller rural e por entidades como a que preside?

Como entidade socia do GDR, nas nosas asembleas ou reunións sempre informamos das diferentes actividades que o GDR ten en marcha nese momento por si fosen do seu interese así como da apertura de convocatoria de axudas a través do Programa Leader e incluso compartimos mediante as nosas canles de comunicación de WhasApp as novas que o GDR difunde nas súas redes sociais.

Nas Neves temos ademais dous proxectos exemplificantes promovidos por mulleres e subvencionados polo GDR como o Hostal O Cendal e C&G Centro Odontológico. Dous casos concretos de como o GDR pode apoiar á muller rural.

Mesmo así poderíanse chegar a realizar xornadas informativas e dirixidas especificamente a este colectivo.

A Asociación de mulleres rurais ‘Chan dos Casteliños’ é socia do GDR Terra e Auga, que lle proporciona isto á súa entidade?

Neste sentido destaco a relación ou a posta en común que no foro do GDR podemos chegar a ter con outras entidades como a nosa dentro da mesa sectorial “Asociacións de Mulleres” á que pertencemos.

Isto é algo que se perdeu co paso dos anos, a conexión con outras entidades como a nosa. Existe unha Federación de Asociacións de Mulleres Rurai que fai algún encontro coas asociacións pero que por tempos non nos foi posible participar.

A nivel mesa sectorial si que sería interesante promover como GDR algunha xuntanza anual da nosa mesa sectorial e incluso abrir a participación a outras asociacións do territorio que aínda non son socias.

 

Grazas ao GDR por contar con nós e que viva o Día Internacional da Muller, o 8 de Marzo, e que viva a muller rural que ten un papel determinante no desenvolvemento socioeconómico rural.