A arte e a cultura adquiriron un papel destacado a través do programa “Paisaxes artísticas”, impulsado polo GDR Terra e Auga e financiado grazas á colaboración da Axencia Turismo de Galicia. Esta iniciativa ten como obxectivo poñer en valor a riqueza cultural do territorio, explorando novos formatos que favorezan a súa divulgación.
Como unha das liñas estratéxicas da Estratexia de Desenvolvemento Local 23-27 do GDR Terra e Auga, a arte emerxe como unha canle clave para a transmisión de coñecemento, a promoción do progreso social e o fortalecemento do orgullo de pertenza á nosa terra.
Neste marco, os primeiros eventos do programa centraron a súa atención en poñer en relevo as tradicións máis profundas e aínda vivas do territorio.
Os seráns como Paisaxes artísticas
Unha das paisaxes máis representativas de Galicia en xeral, e con especial vinculación no noso territorio, son os seráns.
O “Serán” é o nome dado, nesta provincia, ás reunións festivas que teñen lugar nas aldeas, dende a posta de sol ata ben entrada a noite. Nestas xuntanzas, tradicionalmente participaba a maioría da veciñanza, quen se reunía para cantar, tocar e bailar.
Os seráns constituían un punto de encontro no que a mocidade aproveitaba para socializar, cortexar e, se se daba a oportunidade, namorar.
Sobre as súas orixes e situación actual conversaron Olga Kirk e María Vidal, conducidos por Julia Pozo, durante o serán celebrado o 24 de novembro na praza de abastos de Mondariz. Neste evento tamén se organizou un espazo musical con pandeiretas locais, ao remate do cal tivo lugar unha degustación de produtos locais.
Danzas Brancas
Outra xornada do programa “Paisaxes artísticas”, celebrada o 1 de decembro no auditorio municipal de Salceda de Caselas, tivo como eixo central as Danzas Brancas.
Estas danzas rituais, que habitualmente se acompañan de procesións relixiosas, celébranse en datas especiais como o Día de Reis, Entroido, Corpus Christi ou as festas patronais.
Aínda que algúns estudos afirman que a súa orixe é pagá, os primeiros rexistros documentais vincúlanas ás sociedades gremiais dos séculos XVI. Estes artesáns, membros das organizacións locais, ofrecían as súas danzas cerimoniais durante as festas nas vilas e cidades.De todo isto conversaron Chema Cebeiro e Fernando Reyes, tamén guiados por Julia Pozo. O encontro incluíu ademais unha mostra de vestiario e apeiros dos danzantes dos Ranchos de Reis do territorio do GDR Terra e Auga. As danzas foron interpretadas polo Rancho de Reis da Feira, e ao remate houbo degustacións de produtos locais.
Interritmos
A tradición galega e o flamenco tamén se deron cita no marco das Paisaxes Artísticas. O programa Interritmos, do que forma parte o GDR Terra e Auga presentouse o 12 de outubro na Cañiza. Neste encontro a música de raíz fusionouse coa arte andaluza para presentar unha experiencia musical única para as persoas presentes.