Ángel Martínez Peña e Víctor Otero Rodríguez son a alma mater de A Xanela Gastronómica, sabor, texturas e presentacións de alta cociña dende o Condado
-Cando entramos e vemos os dous recoñecementos, Michelin e os selos de calidade SICTED parece que dende sempre tiveron claro a súa aposta pola calidade.
-Si, A Xanela naceu como aposta pola calidade non só na materia prima, tamén nas propostas, na atención ao cliente, no servizo, en sala e en todos e cada un dos aspectos.
–Selo SICTED dende que a Xanela abriu as súas portas no ano 2015, foi un xeito de non perder a liña trazada?
-A calidade era e é o piar, a nosa filosofía de negocio, o que nos ilusionaba cando comezamos e sigue a ser o noso leitmotiv. O selo SICTED e o selo Q de Calidade son respaldos oficias e garantías de cara á clientela. Que te certifiquen é bo porque da seguridade aos nosos clientes; pero tamén é bo porque no seguemento que fan veste obrigado a estar supervisándote continuamente e analizando sempre en que podes mellorar. Nós sempre temos claro que se hai algo mellor que poidamos ofrecer, ofreceremolo. Xustamente este é o motivo polo que pechamos as portas a finais de outubro para volvelas abrir noutro emprazamento que mellora o que agora temos.
-A Xanela pecha con bo sabor de boca?
-Con moi bo sabor de boca e agradecendo a todas as persoas que nos acompañaron nestes anos, a clientes, a proveedores, a traballadores e a todos os que decidiron desfrutar xantando, ceando ou celebrando na Xanela. Pechamos aquí porque queremos ofrecer un espazo novo que acompañe e incremente a nosa aposta pola calidade. Abriremos en primavera á beira do río Tea nun edificio do recoñecido arquitecto Antonio Palacios, cun amplo espazo verde que acompañe as nosas propostas. Un novo proxecto ilusionante e polo que levamos xa algúns anos agardando para ter todas as autorizacións que permitan que a nosa clientela desfrute de todo o que temos deseñado. O espírito innovador de A Xanela continuará na finca do que foi o Catavento. Alí proxectamos un lugar exclusivo no que poder despregar a nosa creatividade na cociña, ofrecer espazos chill out, eventos e moitos máis servizos que vos iremos compartindo cando se achegue a apertura.
-Levarán con vostedes todos os éxitos colleitados?
-Os recoñecementos son da Xanela e con ela quedan pero traballaremos para conseguir novos premios.
-Seguirán colaborando co GDR Terra e Auga?
-Seguiremos, con eles tramitamos o certificado SICTED para A Xanela. O novo proxecto será unha aposta pola máis alta calidade e tamén procurará o respaldo de certificados de calidade. O GDR Terra e Auga é indispensable para conectar a todos os actores socioeconómicos do territorio e deseñar un proxecto de comarca que dea unha imaxe de calidade, de oferta ampla e variada que cubra as necesidades tanto dos que habitamos os dez concellos como do resto da área metropolitana para captar clientela fóra de tempadas altas e, tamén, importante para crear unha unidade competitiva de portas afora que atraia turismo.
-O sector da hostalaría atravesa un bo momento?
-Atravesa un bo momento en canto á cultura gastronómica de xuntarnos para compartir calidade e novas experiencias pero, en cambio, é un momento complicado en canto á persoal profesional que desexe traballar no sector. Custa moito atopar persoas que teñan ilusión e interese á altura da calidade que queremos ofrecer.