Neste momento estás a ver A Escola de Fútbol Denis Suárez e o compromiso social

A Escola de Fútbol Denis Suárez e o compromiso social

No ano 2018 nacía a Escola de Fútbol Denis Suárez cun propósito claro, ir máis aló do fútbol e facer do deporte unha ferramenta que posibilite recursos para mellorar o día a día das nenas e nenos en situación de vulnerabilidade. O exitoso futbolista xogador do Celta de Vigo e agora do Villarreal quería que os seus trunfos revertesen na sociedade e así o fixo. Comezou por unha escola de fútbol que ía medrando conforme ían implantando actividades formativas e aumentaban o seu comprimo social.

O obxectivo conseguiuse tan rápido e con tanto éxito que en marzo do pasado ano constituíron a Fundación Denis Suárez para ter máis capacidade e non deixar de cumprir os soños sociais do futbolista nado en Salceda de Caselas.

O Club de Fútbol que hoxe forma parte da fundación asociouse ao GDR Terra e Auga porque crían que establecer alianzas no territorio do Condado Paradanta e Salceda de Caselas era indispensable e porque ademais estaban unidos polo compromiso coa mellora da calidade de vida das persoas destes dez concellos. Unha vez asociados atoparon no GDR Terra e Auga un apoio fundamental para obter información e asesoramento para desenvolver proxectos.

Piares da Escola de Fútbol Denis Suárez

A fundación sostense en tres piares, o deportivo, o social e o formativo. A canteira das escolas deportivas nutridas con 210 nenas e nenos de 4 a 18 anos que adestran en Penedo Redondo dan forma ao fin deportivo da fundación . Agora mesmo todas as prazas están cubertas, pero se calquera nena ou neno quere entrar pode contactar para que avalíen. O campus deportivo no que este ano participaron 80 menores completan o seu compromiso co deporte pero sempre cun oco para promover unha sociedade en igualdade e por iso reservan prazas para familias con situacións socioeconómicas desfavorables.

Configurarse como fundación deulle a Escola de Fútbol Denis Suárez a entidade xurídica necesaria para procurar os apoios indispensables e dar cobertura a máis nenos e mozos. O programa de hábitos saudables con Pau Gasol; o de Infancia e Xuventude con actividades de lecer para nenas e nenos en situación de vulnerabilidade; ou o programa de apadriñamento que desenvolven en Salceda de Caselas, en colaboración coas traballadoras sociais para cubrir gastos ás que algunha familias non poden fronte, son algúns dos exemplos que materializan o traballo diario das cinco persoas que traballan na Fundación Denis Suárez.

Outra das liñas nas que traballan é en promover a comunicación entre maiores e a rapazada, e coñecemento do patrimonio natural, histórico e cultural de Salceda de Caselas.

Dende a formación tamén ofrecen cursos dentro do seu programa formativo adaptado á demanda do mercado laboral coa intención de contribuír a acadar o primeiro emprego. Agora traballan para desenvolver un programa de formación deportiva e perfilan un máster de dirección deportiva e cursos de adestradores que agardan ver pronto a luz, segundo nos adianta Loli Garrido, xerente da Fundación Denis Suárez.

Denis Suárez