Jaime Soeiro e Ana María Peralta crearon hai vinte anos na aldea de Cernadela, parroquia de Godóns, en Covelo O Lugar dos Devas, a súa marca persoal e unha paisaxe cargada de sensacións son o principal gancho para a repetición
Ao entrar vemos o selo de calidade turística en destino SICTED da Secretaría de Estado de Turismo que avala a excelencia no servizo, por que son importantes as certificacións?
É un estímulo que se suma á nosa motivación diaria de ver a cara de satisfacción dos clientes. O Lugar dos Devas non é unha liña de negocio, é a nosa propia vida. É un estilo de vida. Decidimos vivir aquí, nesta aldea dos meus avós. Rehabilitamos cada unha das ruínas e creamos un fogar que nos gusta compartir. Os selos de calidade estimulan pero o que máis nos ilusiona é compartir a paz e a beleza desta paraxe natural. Da man do GDR Terra e Auga comezamos a prepararnos e imos renovando o selo SICTED cos pequenos e grandes retos que nos marcamos cada día.
Debaixo tamén vemos unha boa puntuación das plataformas máis relevantes de reservas de aloxamentos. Que gusta tanto deste máxico lugar?
A sinxeleza e o cariño que pomos no trato, na cociña, nas conversas arredor da mesa ou no respecto dos silencios. Cernadela é unha aldea fermosa na que atopas saúde. O Lugar dos Devas ofrece 14 habitacións, amplas terrazas e espazos polivalentes para facer actividades pero, sobre todo, ofrece natureza en estado puro, unha masa de árbores frescas con vistas á montaña que osixena e limpa.
O Lugar dos Devas é sensorial
-Si, é unha experiencia. Non é un simple aloxamento rural, vai moito máis aló dos servizos de restauración que prestamos. O noso produto non é simplemente unha casa de turismo rural, tampouco é un restaurante, é unha experiencia vital. As persoas chegan aquí e sentan en silencio, en fronte só teñen as árbores, a montaña e os paxaros. Non se escoitan motores de coches, nin música, escóitase só o silencio e precisamente é iso o que ven buscando a nosa clientela, un lugar no que atopar calma.
É ese silencio o motivo polo que cada vez son máis os grupos que reservan a casa para practicar retiros? Moitos deles de fóra de España, a experiencia sensorial transcende as nosas fronteiras.
Pode ser, o certo é que duns anos aquí recibimos a moitos grupos. Algúns veñen de empresas a facer sendeirismo e ioga, outros a practicar artes marciais, outros a descansar e camiñar polo bosque… Esta mesma semana marchou un grupo de Eslovenia. Trouxeron a unha chef vegana que cociñaba para o grupo e viviron a súa propia experiencia, a súa medida. Nós pomos as instalacións e a paisaxe e eles as súas ideas para vivir unha experiencia a medida.
En Lugar dos Devas podemos deseñar a nosa propia experiencia?
Si, claro, o que queremos é que as persoas que nos elixan se sintan a gusto, que sexan máis felices despois de pasar por aquí. Cando reservan grupos sempre estamos abertos a escoitar as súas necesidades e resolvelas. Para o resto dos clientes tamén ofrecemos paquetes pechados con aloxamento, ruta de sendeirismo, aula da natureza, sesión de ioga, desprazamento ás termas e, se queren, reservamos na hípica de Paraños ou onde eles desexen. Algunhas persoas prefiren chegar e ter todo deseñado e nós encargámonos.
Hai outra tendencia que comeza tamén a ocupar a axenda dos Devas, non si?
Cada vez veñen máis familias que, sobre todo no inverno, reservan a casa na fin de semana e xúntanse todos, netos, avós, tíos, primos. Eles sos xa fan a festa. Nós cociñamos e temos a cheminea lista para recibilos e da gusto ver ás familias xuntas pasando uns días de convivencia e celebrando.
Os invernos no Lugar dos Devas saben a música de fado
Ofrecemos paquetes pechados de cea, concerto e aloxamento. Enchemos o salón de arriba e desfrutamos dunha boa cea con sabores galegos e portugueses igual que a música con voces galegas e portuguesas porque iso tamén forma parte da nosa orixe, Galicia e Portugal, a historia dos galegos en Portugal. Esa mestura de culturas fai que sempre esteamos abertos a recibir e percibir o mellor de cada lugar.
No verán tamén reciben mocidade
Si, as nenas e nenos dos campamentos da Xunta que veñen pasar un tempo de calidade afastados da cidade e desfrutan do río e das andainas.
Que precisa da administración?
Realmente a administración tenta estar pendente e apoiar en cuestións de formación pero botamos en falta máis concreción. Técnicos que non só nos dean ideas e formación tamén técnicos que nos axuden a concretar, a definir os proxectos sobre o papel e a tramitar. Nós temos ideas pero o mantemento destas instalacións ocupa todo o noso tempo e precisamos dunha asistencia que materialice e tramite. Non podemos estar pendentes das liñas de axudas, de deseñar proxectos e de avaliar a súa viabilidade. Considero que é indispensable que nos apoien cun servizo técnico que non só asesore, que poida xestionar.
Cal considera que é o papel do GDR Terra e Auga?
Un papel fundamental porque eles foron os primeiros en apostar polo rural, en investir esforzos e cartos en formarnos, en contactarnos con outras experiencias, en informarnos dos selos de calidade, das axudas e, sobre todo, de darnos a coñecer dentro do noso territorio para atopar solucións conxuntas.