Neste momento estás a ver Bodegas As Laxas, promotora do enoturismo entre novos públicos

Bodegas As Laxas, promotora do enoturismo entre novos públicos

Con case 50 anos de traxectoria, Bodegas As Laxas, en Arbo, posiciónase como un referente do enoturismo no xeodestino Terras do Condado Paradanta, especialmente entre a xuventude. Sen perder a súa orixe e co apoio de fondos LEADER, en 2019 a adega converteu o almacén, e a antiga liña de embotellado, nunha sala de catas con espazo para unha tenda na que vender os seus viños. A intervención, que supuxo unha axuda de 103.549,54€  dou inicio a unha nova etapa da empresa, achegando unha dimensión turística ao negocio e dinamizando o territorio a través dun dos seus valores diferenciais, a viticultura. Dende entón, a adega participa activamente nas distintas iniciativas de promoción turística que organiza o GDR a través do xeodestino, ofrecendo visitas guiadas pola finca, á liña de embotellado e á sala de catas. Así mesmo, a través do  “Pasaporte ao Condado Paradanta” (iniciativa impulsada polo GDR) As Laxas oferta a experiencia de participar nunha cata entre viñedos, unha vivencia única, que permite gozar das espectaculares vistas que hai dende o seu miradoiro á vila de Arbo e Portugal.

As Laxas e os novos públicos

O cultivo dos viños da denominación de orixe “Rías Baixas”, e a súa tradición adegueira, inmersa en contornas naturais de grande beleza, expertan o interese das xeracións máis novas, sendo cada día máis frecuente as reservas de grupos de idades comprendidas entre os 20 e 30 anos. Segundo Andrea Estévez, do departamento de enoturismo e back office de As Laxas, nos últimos anos incrementouse o número de xoves interesados polo mundo do viño, que se achegan de maneira individual ou colectiva á adega para percorrer as vides e participar de catas. “Normalmente é un público que deseña unha estancia de varios días, nos que tamén buscan coñecer a riqueza patrimonial e medio ambiental do noso concello, pernoctando na zona e descubrindo a nosa gastronomía”, apunta Estévez. Neste senso, a profesional destaca que o territorio ofrece actividades para tódalas idades o que está a repercutir no repunte de iniciativas de lecer ao aire libre como  o rafting, o puenting, o sendeirismo, as rutas en bicicleta, as visitas guiadas ou diferentes experiencias gastronómicas.  Estevez asegura que esta tendencia é posible grazas aos esforzos das e dos emprendedores locais que, apoiados no GDR deseñan accións conxuntas. “É indispensable contar cunha entidade como o GDR Terra e Auga que nos conecta, que detecta necesidades comúns, aporta solucións e da apoio en formación e tramitación de subvencións que facilitan a apertura de novas vías de negocio. A través da visión ampla que ten o GDR facémonos fortes traballando en conxunto e deseñando estratexias que ofrezan todo o que o visitante e as persoas residentes poidan precisar”.

Mercado internacional

Bodegas As Laxas traballa con mimo nunha extensión de cen hectáreas, unhas terras que os seus antecesores xa utilizaban para elaborar viño, a finais do século XIX. A adega que hoxe coñecemos, nace no ano 1975 cando a familia Simón Ferro adquire as adegas que xa elaboraban viños do Condado desde 1862. Sen esquecer a tradición, pero sempre pendentes das novas tendencias, a empresa foi introducindo, de maneira paulatina,  as máis modernas técnicas de elaboración, para acadar na actualidade unha produción aproximada dun millón de botellas, das cales un 60% (aproximadamente) se distribúe en España. Con todo, os diferentes premios acadados a nivel nacional e internacional e unha rede de comercialización experta sitúan aos viños de As Laxas en máis de vinte países. Entre eles destacan no continente americano, EE.UU, Porto Rico e México; en Asia, Xapón e Filipinas e en Europa, Bélxica e Reino Unido.