Neste momento estás a ver A asociación ASCULCA, pertencente ao GDR Condado Paradanta, abre as portas ao relevo xeracional

A asociación ASCULCA, pertencente ao GDR Condado Paradanta, abre as portas ao relevo xeracional

“Levar o nome dunha vila e estar nos momentos festivos máis importantes das persoas é emocionante, non podería describir a carga de enerxía que che da cada vez que comezamos a tocar arroupados polo público”, así o resume Mario Domínguez Durán. El é o presidente dende hai moitos anos de ASCULCA (Asociación Cultural Cañiza), asociación que pertence á mesa sectorial de colectivos culturais do GDR Condado Paradanta (Grupo de Desenvolvemento Rural).

Estar baixo o paraugas colaborativo do GDR supuxo para ASCULCA un apoio vital e un empurrón para poder ofrecer formación musical de gaita e acordeón. “Naquel momento o respaldo do GDR a través dos fondos LEADER permitiunos mercar instrumentos, un pequeno equipo de son con altavoces e amplificadores e financiar unha parte das clases para que o custo para o alumnado non sexa tan caro. O seu obxectivo é a conservación do patrimonio tradicional musical e, como non, compartir e pasalo ben ao son do acordeón, do bombo, da gaita, do tamboril, das pandeiretas e de distintos instrumentos de vento.

Comezou na asociación cando era un mozo e viviu aqueles tempos nos que os grupos de baile e música tradicional estaban cheos de rapazada, actuando os grupos de baile como dinamizadores culturais e sociais que potenciaban o coñecemento do folclore popular. Un costume indispensable para manter viva a esencia dun pobo.

Asculca ofrece clases de acordeón ou gaita sen saír da Cañiza

Hoxe ASCULCA abre as portas ao relevo xeracional e convida á mocidade e ás familias de toda a comarca a participar, a asociarse, a divertirse aprendendo a tocar a pandeireta, a gaita, o acordeón ou percusión. Saber botar uns pasos de baile ou tocar minimamente un instrumento fai feliz ao que baila ou toca e ao que mira, fai festa, xera unidade popular e fai posible que non se perda algo tan bonito como o noso. “Cando eu era neno había unha pandeireta nas casas e todos nos atrevíamos, agora sigue a ser  unha boa oportunidade para facer unha actividade en familia asistindo ás clases que impartimos mércores de tarde/noite e sábados de tarde. Polo menos deixarlles unha base aos nosos fillos e fillas. E para a mocidade é un bo punto de encontro nun ambiente san no que encher os pulmóns de enerxía e ledicia”. Asociarse é gratuíto e só hai que ter gañas de aprender asistindo a algunhas das clases de pandeireta, percursión, gaita ou acordeón na Casa da Cultura da Cañiza. “Ter clases destes instrumentos da man de mestres como Roberto Porto ou Manuel Olegario é un luxo e máis cando non tes nin que saír da túa vila”.

Pertencen a PONTEGAL e as actuacións xunto coa axuda do Concello da Cañiza permítenlle sufragar boa parte dos gastos das clases que se imparten.  Ao longo do verán actúan nas festas da Cañiza e das vilas lindantes levando a súa alegría a cada recuncho, algo que lle permite compartir os mellores momentos das parroquias e dos pobos pero, sen dúbida, tocar na festa do Xamón é unha das emocións máis intensas que viven as e os músicos de ASCULCA.

A través do enderezo electrónico info@caniza.org poderemos solicitar a entrada nesta asociación e comezar a ser parte activa na transmisión do legado do folclores popular.