Neste momento estás a ver Nace en Arbo a Asociación Río Miño Natureza Ignacio Gago, asociada ao GDR Condado Paradanta

Nace en Arbo a Asociación Río Miño Natureza Ignacio Gago, asociada ao GDR Condado Paradanta

Xunto á pesqueira do Coxo, en Arbo, descubrimos da man de Florencio Gago que no Tratado de Límites do 1864 aparecía co nome de “pesqueira de Figueiros” pasando máis tarde a ser coñecida como “pesqueira Gloria” e decatámonos de por que é tan necesario o nacemento da “Asociación Río Miño Natureza Ignacio Gago”, asociada ao GDR Condado Paradanta.

“Hai estudos de persoas que se foron interesando pola importancia que tiveron ao longo da historia de Arbo e da comarca as pesqueiras. César Portela, Daniel Pino, Molinero Llorente, Lois Ladra ou Manuel Caamaño son algúns dos investigadores que quixeron afondar no noso patrimonio pero nunca ao longo da historia houbo unha entidade ou colectivo encargado de recompilar, documentar, arquivar, comparar e pór en valor das máis de trescentas pesqueiras que existiron no tramo do río destes catro concellos e nos que aínda se pode pescar; Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente”, explica Florencio Gago quen salienta a importancia de unirse e traballar de xeito conxunto para potenciar este territorio.

Unha das primeiras decisións da asociación foi unirse ao GDR ao considerar que “é unha ferramenta útil para coñecer o territorio traballando dun xeito bidireccional. Por un lado ofrecemos os nosos coñecementos ao GDR e polo outro lado eles aportan a súa visión máis ampla que nos permite establecer alianzas e aportar cada un o mellor”.

Obxectivos da asociación

As milenarias pesqueiras foron para a veciñanza de Arbo un modo de subsistencia vital e de suma importancia que os acompañou ao longo de moitas xeracións e que neste século desapareceu das vidas das e dos arbenses e do resto da comarca. Para estudalas e dignificalas nace esta asociación que leva o nome dun veciño de Barcela nado no ano 1933, fillo do último alcalde da República, e que adicou a súa vida a loitar polo ben común. Adiantado aos seus tempos, Ignacio Gago vía nas artes tradicionais, nos costumes locais e no patrimonio natural, etnográfico e histórico as señas de identidade capaces de facer singular a súa vila. Por este motivo, agora o seu neto pon en marcha a Asociación Río Miño Natureza Ignacio Gago que será presentada de xeito oficial nos vindeiros días.

Co obxectivo de rescatar da memoria a importancia das pesqueiras a asociación nace cun primeiro proxecto, o de recoller toda a documentación para clasificala, estudala e arquivala, inventariar e catalogar dun xeito contrastado e veraz.

O segundo paso será sensibilizar e difundir para que as veciñas e veciños de Arbo recoñezan e valoren estas xoias que formaron e aínda forman parte das familias.

“A día de hoxe tan só no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello de Arbo figuran reflexadas as pesqueiras pero non no de As Neves, Crecente ou Salvaterra. E no planeamento autonómico tampouco podemos atopar recollidas ningunha das 300 pesqueiras nin as que chegaron aos nosos días nin as que xa non están operativas. Hai que crear unha base documental que recolla todas e corrixa erros de ubicación ou nomeamento, entre outros datos”, engade Gago.

A súa intención é facer un traballo integral e sólido que obteña o recoñecemento de Ben de Interese Cultural (BIC) ao ser un elemento singular da arquitectura.

Achegar ás veciñas e veciños ao río é fundamental, que coñezan todo o que supón para as nosas vidas, a riqueza natural pero tamén a etnográfica, continúa Ignacio á vez que lanza o segundo dos proxectos que marcou na axenda, “coñecer a arte de tecer redes, a enxeñería de cada pesqueira e o seu rol porque non hai dúas iguais, a diferenza entre o biturón empregado río arriba e a rede cabaceira empregada a partir de Sela…”

Segundo relata Gago as pesqueiras son un legado da arquitectura e da enxeñería do que podemos sentirnos orgullosos e do que presumir porque unha boa maioría das familias leva na súa historia un relato do río e das pesqueiras “como eu da pesqueira na que ía pescar meu avó na desembocadura do río Cea entre a parroquia de Arbo e Barcela”.

As persoas que queiran contribuír na conservación do patrimonio material e inmaterial a través desta asociación deberán realizar unha solicitude para asociarse no correo electrónico asociacionignaciogago@outlook.com