Doutor en arquitectura, investigador e docente con ampla experiencia en patrimonio e turismo, Mario Crecente leva máis de vinte anos traballando pola posta en valor do patrimonio cultural de Europa, potenciando os conceptos de benestar e saúde das cidades termais europeas.
Na actualidade, compaxina o seu traballo coa presidencia do Comité Científico da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas, a entidade promotora do Día Europeo do Patrimonio Termal, que se celebrará en Mondariz Balneario do 11 ao 13 de outubro e que patrocina o GDR Condado Paradanta en colaboración co Concello de Mondariz Balneario, o Balneario de Mondariz e Aguas de Mondariz.
1.- Parte da súa traxectoria profesional xira en torno ás cidades termais, que se debe entender por patrimonio termal?
O patrimonio termal abarca recursos naturais e culturais vinculados ás augas termais, peloides; patrimonio cultural, balnearios históricos e patrimonio inmaterial, prácticas e rituais hoxe convertidos na hidroloxía médica. A suma destes tres valores é o patrimonio termal.
2.- O Día Europeo do Patrimonio Termal, é un evento anual, por que se escolleu Mondariz Balneario para esta celebración?
Mondariz Balneario é unha vila socia da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas, que é a entidade que promove o evento. Ademais coincide co 150 aniversario da declaración de Utilidade Pública das augas de Mondariz, que marcou o inicio da vila termal que coñecemos hoxe e pertence a rede europea de cidades termais.
3.- En termos de preservación e promoción do patrimonio termal, cales son os obxectivos principais da iniciativa?
O obxectivo principal é dar a coñecer ao público, a existencia dese patrimonio termal, e comparar a Mondariz Balneario con outros lugares de Europa e o mundo similares a el, ademais de sinalar as súas singularidades.
4.- Cales son?
A principal singularidade de Mondariz Balneario é que foi pensada precisamente para prestar un servizo de turismo de saúde e benestar, creouse con ese fin e non como noutros lugares onde a vilas, xa existentes, dirixiron a súa actividade económica nesa liña ata convertirse en cidades termais.
5.- Cal é o papel de Mondariz Balneario na historia do termalismo e como evolucionou ao longo dos anos?
Ten relación co dito anteriormente, o feito de que a vila termal construíuse nun período moi curto de tempo, co impulso da familia Peinador, a participación do afamado arquitecto Palacios e coa colaboración do tecido empresarial e social que fixeron que dunha fonte, en pouco tempo se pasara a un emporio de turismo termal.
Malia que despois decaera, os esforzos realizados por promotores a as administracións durante as últimas décadas, e a etapa post Covid-19 abren un novo período de relanzamento. O turismo de saúde, lonxe das masas do sol e praia, ofrece unha nova oportunidade de esplendor para Mondariz Balneario e a zona.
6.- Que representa o patrimonio termal dunha localidade para o resto do territorio no que esta se atopa?
O primeiro é unha condición de pertenza que empeza cos veciños das cidades termais, pero tamén representa unha oportunidade de desenvolvemento social e económico, que se pode transformar nun recurso que poña en valor outros destinos e localidades do territorio.
Mondariz Balneario é un referente termal internacional, un elemento de atracción que pode representar certa capitalidade do turismo na zona.
7.- Na súa opinión, cal é o valor cultural e económico do termalismo e como contribúe á identidade das cidades termais históricas?
Historicamente as cidades termais demostraron ser capaces de cubrir as principais demandas do turismo de saúde. O gran desafío para o século XXI é dar cobertura ás necesidades de saúde e benestar ao tempo que se ofrecen actividades complementarias que enriquezan a experiencia.
O turismo termal pode contemplar servizos de actividades deportivas, relacionadas co medio, pero sen esquecer que os primeiros prescritores dun destino son os seus habitantes. De feito, neste senso hai estudos que relacionan a lonxevidade da veciñanza coas vilas termais nas que habitan. De Mondariz Balneario non temos estudos, pero é moi importante que a veciñanza sexa a principal beneficiaria dun destino saudable.
8.- Que retos debe afrontar a preservación e promoción do patrimonio termal na actualidade?
O patrimonio termal, por implicar un complexo de valores naturais, culturais e inmateriais require de certa complexidade na súa xestión. Con todo, supón unha oportunidade de desenvolvemento máis duradeira e sostible. Debe coidarse o recurso natural, tendo en consideración os patrimonios asociados.
9.- Para rematar, a que público está dirixido o evento, e a quen lle podería resultar interesante poder asistir ao Día Europeo do Patrimonio Termal?
Está dirixido ao público en xeral, con interese polo patrimonio e o turismo, xerentes de empresas termais, expertos, persoas do ámbito da investigación, da academia e a veciñanza interesada en coñecer máis da súa vila e a contorna.