Neste momento estás a ver O GDR Condado Paradanta aproba a Estratexia de Desenvolvemento Local

O GDR Condado Paradanta aproba a Estratexia de Desenvolvemento Local

A Asemblea Xeral Ordinaria do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) do Condado Paradanta aprobou este venres, no salón de plenos da Cañiza, a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa para o período 2023-2027 (EDLP). Esta definirá os criterios a seguir á hora de seleccionar os proxectos susceptibles de financiamento con fondos LEADER.

Con esta aprobación remátase o proceso de elaboración da EDLP, a expensas da aprobación definitiva por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). Para o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo “culmina unha etapa de intenso traballo realizado no último ano, no que se levou a cabo un exhaustivo proceso de escoita activa da veciñanza, para recoller aquelas liñas que realmente son de interese e teñen potencial de desenvolvemento”.

Estratexia transversal

Despois de rematar a fase de diagnose, elaborada entre xullo de 2022 e maio de 2023 a través dunha metodoloxía participativa (entrevistas, grupos focais, reunións sectoriais…),  procedeuse a identificación dun conxunto de necesidades en torno ás cales o GDR deseñou as áreas de traballo sobre as que versará a EDLP.

Esta está aliñada cos obxectivos xerais marcados pola nova Política Agraria Común (PAC), que buscan fomentar un sector agrícola intelixente, competitivo e diversificado, ao tempo que se reforza a protección do medio ambiente e se fortalece o tecido socioeconómico do ámbito rural.

Neste senso,  as áreas sobre as que a veciñanza amosou interese para potenciar teñen relación con desenvolvemento económico sostible; o aproveitamento da ordenación territorial como canle de desenvolvemento do sector agrario, gandeiro e forestal (con especial atención ó medio natural e a biodiversidade); a promoción do turismo sustentable; o fomento de medidas sociais que promovan criterios de equidade e igualdade; a gobernanza territorial e o apoio á formación e competitividade, entre outros. Tamén se contempla a arte como ferramenta transversal para posta en valor dos demais sectores.

O anterior marcará o rumbo do GDR nos vindeiros anos,  máis alá do LEADER, xa que o traballo realizado poderá sinalar a folla da ruta en base as temáticas capitais identificadas no territorio” indica o representante de entidade supramunicipal.

Bono Activa Rural

O novo período 2023 -2027 incorpora como novidade o Bono Activa Rural, que consiste nunha axuda de ata 18.000 euros en dúas anualidades, para a posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais.

Esta nova vía de financiamento non esixe xustificar ningún investimento, pero si require o cumprimento do plan empresarial e manter a actividade durante un mínimo de cinco anos, ademais de outros requisitos administrativos.

Os proxectos que se presenten a esta modalidade de axuda, concorrerán dentro dos proxectos produtivos, unha das liñas de financiamento dos fondos LEADER , os que  tamén contemplan axudas para iniciativas non produtivas (bens ou servizos públicos).

LEADER

O Programa LEADER é unha iniciativa europea que contempla un conxunto de medidas de desenvolvemento rural. En Galicia está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), fondos Feader e a Administración xeral do Estado. No territorio está xestionado polo GDR do Condado Paradanta.