O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) do Condado Paradanta súmase á celebración dos 150 anos da declaración de utilidade pública das augas de Mondariz, a través da organización e promoción de diversas actividades para a posta en valor do patrimonio territorial.
A entidade supramunicipal, que aglutina a 10 concellos da zona, quere sumarse ao recoñecemento impulsando diversas iniciativas e destacando a importancia que esta declaración tivo para o impulso da área, tal e como apunta o seu presidente da entidade, Juan Pablo Castillo.
A declaración en 1873 supuxo, segundo o representante do GDR Condado Paradanta, “un antes de un despois para o desenvolvemento territorial, xa que o dinamismo económico e social xurdido ao amparo as augas, posicionaron ao territorio como un centro de ocio e saúde, xerador de emprego local”
Actividades
A primeira das actuacións que organiza o GDR, en colaboración coa Asociación cultural Burbida, consistirá nunha visita guiada polas obras arquitectónicas máis emblemáticas de Antonio Palacios, o domingo, 9 de xullo, en Mondariz Balneario.
O percorrido, que comezará ás 12:00 horas na senlleira Fonte da Gándara, correrá a cargo do arquitecto Álvaro Bonet, quen dará conta da importancia do patrimonio arquitectónico máis alá da súa época de creación.
As actividades, continuarán durante o mes de setembro con novas visitas guiadas por diferentes puntos patrimoniais da zona e finalizarán en outubro coa participación no Encontro da Asociación de Cidades Termais Históricas Europeas.