Son de Monte, o proxecto de colaboración entre seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e do que forma parte o GDR Condado Paradanta, rematou a súa primeira edición o 14 de outubro en Celanova.
A iniciativa, financiada con fondos Leader Galicia, nace despois dos incendios de 2017 como un xeito de repensar o rural, e como unha maneira de por en valor o monte, desde unha perspectiva moderna e de futuro. Neste contexto deseñáronse dúas vías de traballo: as comúns, para compartir experiencias e coñecemento; e as individuais, para potenciar as peculiaridades de cada territorio y promover un novo aproveitamento dos espazos naturais.
Durante as diferentes xornadas presenciais, nas que as entidades promotoras intercambiaron experiencias, tódolos grupos coincidiron nas múltiples posibilidades que ofrece o monte, indo máis alá dos recursos forestais e potenciando o seu valor patrimonial, social e paisaxístico.
Proxecto de colaboración
O obxectivo principal de Son de Monte é crear unha rede de traballo entre os diferentes axentes locais, coñecedores do territorio e implicados co desenvolvemento rural.
Neste senso, os GDR Limia e Arnoia, o da Mariña-Betanzos, Galicia Sureste (Eu Rural), Seitura (GDR 22), Montes e Vales Orientais (territorio de Os Ancares), e o Condado Paradanta acordaron traballar de maneira conxunta na posta en marcha de diferentes experiencias piloto de xestión do monte: a recuperación do cultivo de centeo, o patrimonio e a compensación do CO₂en montes comunais, a rexeneración despois de un incendio e a posta en valor do rebolo e do bidueiro.
Participación do GDR Condado Paradanta
O proxecto no territorio consistiu na posta en marcha dunha parcela piloto na zona da Praia de Portomaior, entre outros motivos, por ser a porta de entrada do lume procedente de Portugal no ano 17. Neste lugar, ademais de realizarse traballos de recuperación, O GDR Condado Paradanta puxo en marcha iniciativas de sensibilización e concienciación dirixidas á veciñanza, co propósito de reflexionar sobre o acontecido e evitar futuros incendios.
Segundo a enxeñeira agrícola, Alejandra González, responsable da recuperación da parcela piloto, o obxectivo foi crear un área medioambiental e biodiversa, que servira como modelo de referencia para outras actuacións.
O concello de As Neves, que colaborou co proxecto Son de Monte a través dunha aportación económica, considera este espazo como un lugar simbólico, non só polo seu valor natural senón tamén polo seu uso social. Con esta actuación, segundo o alcalde Xosé Manuel Rodríguez “preténdese por en valor o monte e a terra como recurso de asentamento social e económico.”
O xerente do GDR, Paco González, destaca o valor deste espazo e incide na importancia de seguir traballando nas tarefas de concienciación e divulgación. “Non queremos que se volva a repetir, e iso dependerá da relación e o comportamento que teñamos co monte”.
Xornadas de peche
Os 13 e 14 de outubro celebráronse en Celanova as xornadas de peche da primeira edición do Son de Monte, onde ademais de presentarse as guías e vídeos das accións do proxecto, tamén se dou conta dos resultados e das propostas de futuro. Estre estas últimas destaca a candidatura dunha nova edición do programa Son de Monte I, co fin de dar continuidade aos traballos realizados e seguir promovendo unha nova relación da cidadanía cos espazos forestais.
Na clausura participou a directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o alcalde de Celanova, Antonio Puga, e o presidente do GDR Limia Arnoia (anfitrións), Gumersindo Lamas.