Con motivo da conmemoración dos 30 anos do programa Leader o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda entrevistouse co GDR Condado Paradanta ao que lle recoñeceu a importancia das asociacións supramunicipais na súa xestión dos fondos europeos, que realizan en colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Consellería de Medio Rural.
O xefe do Goberno galego destaca que o enfoque “de abaixo a arriba” do programa Leader, só é viable coa colaboración e a profesionalidade dos grupos de desenvolvemento rural, que coñecen o territorio de actuación e as súas necesidades.
O programa Leader cumpre 30 anos, que supuxo para o rural galego e cales son as súas expectativas de futuro?
Non nos equivocamos se dicimos que o programa Leader supuxo un antes e un despois no rural galego. Non se trata dunha opinión, senón dun feito apoiado en datos: en 30 anos mobilizou máis de 930 millóns de euros, consolidou case 6.000 empregos e creou máis de 5.000. Non son cifras menores, e máis nun eido como o rural que vén afrontando grandes desafíos.
Cara o futuro, agardamos que o Leader siga exercendo ese papel dinamizador tan relevante. Galicia é rural e precisamos todas as ferramentas da nosa man para manter vivo e activo un dos nosos maiores puntais. Non é só o Leader, desde a Xunta seguimos tomando medidas nesta dirección, con iniciativas como a Lei de recuperación da terra agraria, as estratexias sectoriais do leite ou o viño (e a da carne, que está en elaboración), as nosas liñas de axuda ou a futura Lei de calidade alimentaria.
Como
valora a actuación dos GDR na xestión do programa?
Os Grupos de
Desenvolvemento Rural son a chave desta iniciativa. Este enfoque “de abaixo a
arriba” do Leader é só posible grazas ao seu inestimable traballo, ao seu
coñecemento do terreo e á súa profesionalidade.
Como dicía antes, non se trata
só de opinións ou boas palabras. Desde a Xunta somos moi conscientes do seu
papel relevante, e por iso fomos unha das primeiras comunidades autónomas en
asegurar a súa continuidade ata o ano 2023, cunha inxección total de 10,5
millóns de euros. E, por iso tamén, contamos con eles para outros proxectos
como, por exemplo, a aplicación e o desenvolvemento da Lei de recuperación da
terra agraria de Galicia.
Por que recomendaría a unha entidade local sumarse a un GDR?
Porque os GDR son a garantía de facer unhas políticas apegadas ao terreo, de garantir a participación das entidades locais en estratexias e medidas que lles afectan directamente. É unha oportunidade única de traballar todos xuntos para construír un rural de futuro, con servizos e mellorado. Creo, en definitiva, que hai todas as razóns do mundo para sumarse, e ningunha para non facelo.