· O GDR Condado Paradanta, través dos fondos Leader financiou o 36,2% dun total de 7.385.277,8 € entre os anos 2017 e 2021.
· Máis da metade das xudas foron a parar a proxectos produtivos.
A Cañiza, 06 de abril de 2022: O GDR Condado Paradanta, a través dun convenio coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia que xestiona os Fondos Europeos do Programa Leader 2014 -2020, contribuíu ao investimento de 7.385.277,8 € no territorio homónimo, do cal financiou un 36,2%.
Segundo o presidente do GDR, Juan Pablo Castillo, os fondos europeos LEADER, que teñen como obxectivo fomentar o desenvolvemento rural desde o territorio de actuación, “colaboraron coa execución de numerosos proxectos, a maioría dos cales impulsaron a economía da zona e xeraron novos postos de traballo.“
As actuacións en cifras
Entre os anos 2017 e 2021 o GDR Condado Paradanta aprobou axudas para a execución de 82 proxectos, aportando un total de 2.677.649,7€ nos últimos 4 anos. Do citado investimento, un 72,7% correspondeu a proxectos produtivos, un 16,7% a non produtivos privados e o 10,4% destinouse a iniciativas non produtivas públicas como foi a actuación para a posta en valor dos petróglifos A Coutada.
Un dos sectores produtivos que máis se beneficiou dos Fondos Leader foi o de aloxamentos cun 57,2% do investimento, seguido de servizos que contou cun 30,6%. O resto de axudas á actividades produtivas destináronse ao sector vinícola e á industria, que percibiron un total de 236.577,81 €.
En canto aos proxectos non produtivos, o presidente do GDR destaca as subvencións concedidas para a recuperación ou posta en valor do patrimonio (156.214,46 €), as accións dirixas a mellorar servizos á poboación (143.360,77€) e as actuacións de carácter social/sociosanitario que contaron con 124.780,24 € de financiamento.
Dinamización do territorio
Entre os obxectivos da entidade supramunicipal atópase a promoción e dinamización activa do territorio, por este motivo o GDR realiza diversas actividades ao longo do ano co fin de fomentar a cohesión social e facilitar as sinerxías entre as persoas.
Entre as iniciativas que ten en marcha na actualidade atópase o Proxecto SICTED, a través do cal, as empresas do sector turístico certifican a calidade dos seus servizos. Para conseguir o selo de recoñecemento nacional, as entidades deberán participar nun programa formativo e superar as probas de avaliación. A formación é totalmente gratuíta paras elas, xa que se financia con fondos Leader ou a través de convenios asinados co Axencia Turismo de Galicia, do goberno galego. As empresas interesadas só teñen que chamar ao 986 663 329 ou enviar un e-mail a gdr@gdrcondadoparadanta.gal antes do 30 de abril.
Tamén está aberto o prazo para participar no III Concurso Artístico Condado Paradanta, que nesta nova edición contará con catro categorías: fotografía, vídeo, pintura e deseño gráfico. As e os concursantes poderán presentar as súas obras ata o 31 de maio.