Máis de 80 persoas participaron en Tui no mural “O Minho que imaxinamos”, unha dinámica participativa desenvolvida no marco do proxecto ECOFRONT_MINHO para recoller as expectativas e inquedanzas da poboación arredor da candidatura da UNESCO a Reserva da Biosfera transfronteiriza.
O pasado 23 de outubro, Tui acolleu a xornada pública “Obxectivo Reserva da Biosfera do Río Miño Transfronteirizo”, organizada no marco do proxecto europeo ECOFRONT_MINHO. O encontro reuniu representantes institucionais, científicos, económicos e asociativos, así como persoas das comunidades das dúas marxes do río, para reflexionar sobre o futuro deste territorio.
Após a rolda de intervencións sobre experiencias innovadoras en Reservas da Biosfera xa declaradas ao longo da Península, a xornada abriuse á participación do público asistente a través do mural participativo “O Minho que imaxinamos”, coordinado pola Fundación CEER. A través desta dinámica, máis de 80 persoas compartiron os elementos naturais e culturais que consideran máis valiosos, os beneficios que esperan dunha futura Reserva da Biosfera e as dificultades que cren necesario abordar.
As achegas permitirán coñecer mellor as prioridades da comunidade miñota e contribuír á elaboración dun informe territorial que incorpore as súas propostas ao proceso de construción da candidatura.
As achegas destacan a biodiversidade, o patrimonio e a cooperación transfronteiriza, pero tamén sinalan retos ambientais e de gobernanza que será necesario abordar para avanzar na candidatura.
O río, a biodiversidade e o patrimonio, entre os valores máis destacados
As contribucións identificaron seis grandes elementos de interese para a futura Reserva: a biodiversidade, a xeomorfoloxía, o río Miño, a paisaxe, o patrimonio material e inmaterial e as pesqueiras tradicionais.
A biodiversidade ocupou un lugar destacado nas reflexións, especialmente pola presenza de especies autóctonas ameazadas, ecosistemas de gran valor e hábitats prioritarios. As persoas participantes tamén salientaron a xeodiversidade do territorio, con formacións graníticas e fluviais singulares.
O propio Miño e os seus afluentes apareceron como elementos centrais para articular a Reserva e conectar as dúas beiras. A paisaxe, vinculada tanto aos valores naturais como á presenza humana, foi outra das cuestións recorrentes
No ámbito cultural, as achegas puxeron de relevo a importancia das pesqueiras do río, da cultura tradicional, da lingua e doutros elementos patrimoniais. Tamén apareceron referencias ao Camiño de Santiago, aos restos arqueolóxicos e á arquitectura tradicional, como expresións do vínculo entre a poboación e o territorio
Conservación, oportunidades económicas e cooperación transfronteiriza
As persoas participantes sinalaron cinco ámbitos nos que a futura Reserva podería achegar beneficios ao territorio: a conservación dos ecosistemas, as oportunidades socioeconómicas, a protección do patrimonio, a mellora da gobernanza e da cooperación transfronteiriza, e unha maior visibilidade exterior.
No ámbito ambiental, as propostas apuntaron á necesidade de reforzar a protección das especies e dos hábitats, mellorar a calidade das augas e controlar a expansión das especies invasoras.
En materia económica, varias achegas relacionaron a Reserva con novas oportunidades de financiamento e coa valorización dos recursos locais, entre eles os produtos agroecolóxicos e as actividades económicas vinculadas ao uso sostible dos recursos naturais.
A protección do patrimonio histórico e inmaterial tamén se percibiu como unha oportunidade para fortalecer a relación da poboación co territorio. Pola súa banda, a dimensión transfronteiriza da Reserva podería ofrecer un marco máis estable para avanzar na cooperación ambiental, na xestión pesqueira e no diálogo coas asociacións.
As persoas participantes tamén destacaron a posibilidade de dar maior visibilidade ao territorio, tanto desde o punto de vista divulgativo como económico.
A implicación social e a xestión, entre os principais retos
O mural recolleu tamén as preocupacións da comunidade ante a posible creación da Reserva. As achegas agrupáronse en catro ámbitos: os problemas ambientais, a delimitación do territorio, a gobernanza e a implicación da sociedade e das institucións.
Entre os riscos ambientais, mencionáronse a contaminación dos hábitats fluviais, a presenza de actividades industriais pesadas e a expansión de especies exóticas e invasoras. En relación coa delimitación, as persoas participantes destacaron a importancia de definir unha área coherente que teña en conta a diversidade do territorio.
A xestión dunha figura transfronteiriza tamén suscita interrogantes, especialmente pola convivencia de dous marcos lexislativos estatais, a complexidade dos actores implicados e a necesidade de garantir a participación da poboación na toma de decisións.
Unha das preocupacións máis reiteradas foi que a declaración da Reserva non quede nun recoñecemento formal. As achegas insistiron na necesidade de traducir ese recoñecemento en medidas concretas, investimentos e actuacións que respondan ás necesidades do territorio e favorezan o seu desenvolvemento sustentable.
Unha candidatura que incorpora a voz do territorio
A dinámica “O Minho que imaxinamos” permitiu abrir un espazo de participación directa no que a comunidade puido expresar que quere preservar, que oportunidades espera e que dificultades considera necesario resolver.
As ideas recollidas servirán de base para elaborar un informe territorial que contribúa a definir a candidatura da futura Reserva da Biosfera do Río Miño Transfronteirizo a partir das expectativas, os coñecementos e as preocupacións das persoas que viven neste territorio.
A xornada incluíu tamén a presentación do vídeo de lanzamento de ECOFRONT_MINHO, unha mensaxe do Profesor António Domingos Abreu, Director da División de Ciencias Ecolóxicas e da Terra da UNESCO e secretario do Programa sobre o Home e a Biosfera (MaB), os avances do estudo territorial a cargo de Martín Agrelo, da Universidade de Santiago de Compostela, e o intercambio de experiencias con outras Reservas da Biosfera da Península.
O proxecto ECOFRONT_MINHO está cofinanciado pola Unión Europea a través de Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 e reúne á AECT Río Miño, Deputación de Pontevedra, Fundación CEER, AECT Galicia-Norte de Portugal, Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste, Grupo de Desenvolvemento Rural Terra e Auga e a Adriminho.






