Neste momento estás a ver O GDR TERRA E AUGA DESTINA 1,2 MILLÓNS DE EUROS PARA FINANCIAR PROXECTOS NO RURAL DO SEU TERRITORIO

O GDR TERRA E AUGA DESTINA 1,2 MILLÓNS DE EUROS PARA FINANCIAR PROXECTOS NO RURAL DO SEU TERRITORIO

Prevese que a convocatoria de axudas da Intervención Leader sexa publicada, por AGADER, da Consellería de Medio Rural, no DOG o vindeiro luns. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata comezos de abril​

O GDR Terra e Auga informa da publicación da nova convocatoria de axudas da Intervención Leader o vindeiro luns día dous de febreiro no Diario Oficial de Galicia. Así llo manifestou a Subdirección de Relacións cos Grupos de Agader nunha reunión mantida este luns en Santiago cos 24 GDR de Galicia.

Unha convocatoria de récord ao abeiro do PEPAC 2023 – 2027, que contará cunha das dotacións orzamentarias máis elevadas da historia. Concretamente, o GDR Terra e Auga, repartirá 1.260.663,70 € en axudas a proxectos que se desenvolvan en Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salvaterra de Miño ou en Salceda de Caselas.

As persoas promotoras poderán presentar solicitudes de axuda ata o 6 de abril do presente ano para proxectos produtivos e xeradores de actividade económica ou para proxectos non produtivos, promovidos por entidades sen ánimo de lucro.

O importe máximo desta liña de axudas é do 50% do investimento, cun límite de 100.000 € de axuda, para proxectos produtivos e de ata o 90% do investimento, cun límite de 55.000 €, para proxectos non produtivos.

A Coutada

AMPLIACIÓN DOS PRAZOS DE EXECUCIÓN

Outra das novidades que recollerá esta nova convocatoria é a ampliación do prazo de execución e xustificación a tres anualidades. De tal xeito, as persoas e entidades promotoras poderán levar a cabo o seu proxecto e inversións ao longo de 2026, 2027 e 2028.

Concretamente, o 10% do orzamento deberá estar executado antes do remate de 2026, o 40% antes do 1 de xullo de 2027 e o restante 50% antes do 15 de setembro de 2028.

PROXECTOS PRIORITARIOS

O reparto dos fondos Leader atenden á concurrencia competitiva que marcan as bases reguladoras mediante a aplicación a cada un dos proxectos presentados dos criterios de baremación e selección que a Estratexia de Desenvolvemento Local do GDR Terra e Auga ten definidos.

Por este motivo, pese a que a que a Intervención Leader ten unha perspectiva ampla e transversal, proxectos relacionados co coidado e conservación do medio e a biodiversidade, a transición enerxética, a atención a colectivos desfavorecidos, as artes ou a convervación do patrimonio catalogado son as liñas de traballo prioritarias para o territorio de actuación do GDR.

O GDR Terra e Auga conta cunha oficina de portas abertas para a atención a todas aquelas persoas que teñan en mente a posta en marcha dun proxecto no rural e anima a que contacten no 986 663 329 ou no gdr@gdrterraeauga.gal para obter máis información sobre esta liña de axudas