O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta identificou ata once posibles novos polígonos agroforestais para o sector vitivinícola, como resultado dun estudo básico sobre as posibilidades de crecemento deste ámbito produtivo.
Despois de entrevistarse con viticultores que representan o 43% da superficie cultivada do territorio, a entidade concluíu que oito posibles polígonos agroforestais poderían ser promovidos por un só produtor, e outros tres polígonos por dous viticultores. “Isto indica a capacidade de crecemento da viticultura no territorio, polo que dende o GDR poremos todo o noso esforzo en axudar a cubrir as necesidades de terra e expansión do sector” asegurou o xerente do GDR, Paco González, durante a xornada de peche do proxecto Viño e Froita, no que se enmarca o estudo realizado e que tivo lugar o venres, 24 de novembro en Mondariz.
O proxecto
Viño e Froita é unha iniciativa de cooperación LEADER que promove o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta en colaboración co GDR Mariñas Betanzos e está cofinanciada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Xunta de Galicia, fondos Feader e a Administración xeral do Estado.
Entre os seus obxectivos están favorecer a ordenación do territorio, o aproveitamento das terras agrarias abandonadas e a mitigación dos danos causados por pragas; todo elo enmarcado nos sectores vitivinícola e frutícola dos territorios de actuación dos Grupos de Desenvolvemento Rural promotores.
Durante a xornada de peche, ademais de presentar os resultados do estudo sobre as posibilidades de crecemento das explotacións vitivinícolas, investigadoras da Universidade da Coruña expuxeron o traballo realizado no deseño de estratexias sostibles para o control de pragas como a velutina, os paxaros e os xabarís. A este respecto analizaron a utilización de trampas periódicas, mallas ou a retirada de niños, estratexias que “cada produtor deberá utilizar segundo as circunstancias da propia explotación” segundo explicou a científica María José Servia. E investigadora tamén quixo salientar a importancia de que, “por vez primeira tomáronse rexistros dos danos causados polas pragas, o que permitirá cuantificar as posibles perdas económicas.”
Parcelas experimentais
Na liña de actuación correspondente á procura de novas alternativas produtivas para as terras agrarias abandonadas, representantes dos dous GDR deron conta do proceso para a identificación de cítricos no Condado Paradanta e da mazá na zona do GDR Mariñas Betanzos.
No caso dos cítricos, Paco González explicou que a parcela experimental de 5.000m², situada no concello das Neves, servirá como “experiencia piloto e espazo de formación para ensaiar e probar novos cultivos susceptibles de ser introducidos con éxito no territorio”. A este respecto, o subdirector de relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural de Agader, Alfredo Fernández destacou a oportunidade que ofrece o proxecto de “introducir a adaptación do sector rural ao cambio climático, a través de novos aproveitamentos da terra, máis adaptados ás novas circunstancias naturais”.
Entidades colaboradoras
Ademais do GDR Condado Paradanta e o GDR Mariñas Betanzos, participan como entidades colaboradoras outras organizacións, públicas e privadas con interese no mesmo. No territorio do GDR Mariñas Betanzos, colabora o Concello de Paderne; e no do GDR Condado Paradanta, os concellos A Cañiza, As Neves, Covelo, Mondariz e o concello de Salvaterra.